xoves, 19 de maio de 2016

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016. MANUEL MARÍA

Eu son Manuel María. 
Nacín no 29, o 6 de Outono, 
en Outeiro de Rei da Terra Chá. 
Son dunha caste rexa de labregos 
fieles á súa terra e ao seu Deus. 
Agora son un namorado. 

Eu son Manuel María, 
cantor da Terra Chá que algúns din. 
Cantor da terra chá que leva un 
clavada nas entrañas, penso eu. 

 Eu son Manuel María, 
labrego con algo de poeta. 
Por eso gardo as albas 
no fondo dos meus ollos 
e ando de vagar o meu camiño, 
e pídolles ás cousas a súa tenrura 
e aos homes pídolles verdade. 

Non teño máis tarefa: 
Son unha humilde folla que salaia 
na noite escura movida polo vento. 
Eu son Manuel María, 
un son tan só, lonxano e feble. 

Con estes versos do poema Carné de identidade preséntase Manuel María, o poeta da Terra Chá. Porque a súa “tribu”, como adoitaba chamarlle, era a súa natal Outeiro de Rei, pero el foi o cantor, o poeta chairego por excelencia. É máis, dise que a Terra Chá non existía como tal antes de que escribise o libro de versos que lle dá nome, a Biblia poética da comarca máis grande da Galiza, da que o autor dicía:
Pra medila só valen dúas mensuras: 

ferrados de corazón, fanegas de alma! 
Deste libro, Terra Chá, son estes versos nos que a define:
A Terra Chá somentes é:

un pobo aquí, outro acolá,

mil arbres, monte raso,

un ceio chumbo e tráxico

no que andan as aves a voar. 
O resto é soedá.

Acto de ingreso do poeta como académico na RAG, celebrado no Auditorio de Vilalba en febreiro de 2003.
Óscar Cela

A súa traxectoria literaria merece claramente o recoñecemento que se vén de facer ao adicarlle o Día das Letras Galegas deste ano. Esta traxectoria foise consolidando desde a publicación, en 1950, de Muiñeiro de brétemas, o primeiro poemario monolingüe en galego da posguerra.

O discurso existencialista dos seus primeiros versos - encadrado dentro da corrente lírica denominada Escola da Tebra - irase reconvertendo nunha variedade de discursos líricos: desde a poesía paisaxística até a poesía de compromiso, empregando o realismo coloquial e o humor sarcástico como medio de denuncia, … e sempre, como fío condutor de todo este mundo poético, a construción de Galiza.

Galiza somos nós: 

a xente e maila fala. 

Se buscas a Galiza 

en ti tés que atopala!

Na súa poesía sempre está presente o seu compromiso político co ideario nacionalista, que vai manter ao longo da súa vida e que o converterá nun escritor tan querido e tantas veces cantado polo pobo, recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras, un escritor galego universal.




Ningún comentario:

Publicar un comentario