Amosando publicacións coa etiqueta Tradicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tradicións. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xaneiro de 2016

A EPIFANÍA

Celébrase o día 6 de xaneiro de cada ano. Os Reis Magos chegan de Oriente para adorar ao neno Xesús, ao que lle ofrecen ouro, incenso e mirra.



As seguintes tradicións galegas relativas a esta data subsisten nalgunhas zonas e estanse a recuperar noutras:

Os cantos de Reis.
Grupos de persoas percorren as casas das aldeas e vilas na noite do 5 de xaneiro e no día seguinte cantando coplas (cantos de Reis, cantares de Reis ou Reises), que teñen tres partes: a petición de permiso para cantalas, a propia cantiga e o “aguinaldo”. Este último dependía do donativo que se lles entregaba.



As danzas de Reis.
Tamén chamadas ranchos de Reis, son danzas de cintas, paus ou arcos acompañadas de pezas pequenas de teatro ou recitados que se realizan á saída da igrexa.





xoves, 31 de decembro de 2015

JOSÉ ANDRÉ LÔPEZ GONÇÂLEZ

Este chairego naceu na parroquia dos Vilares, Guitiriz, en 1955. Coñecido pola recuperación do personaxe do Apalpador, é colaborador do Diário Liberdade e compilador e clasificador de textos marxistas en galego-portugués.
O día 31 de decembro de 2006, fai chegar ao Portal Galego da Língua o artigo O Apalpador: Personagem mítico do Natal galego a regaste para a súa publicación. Na introdución escribiu:

 “Fora em Maio de 2001 quando, os daquela directores de Vaga-lume, órgão oficial da Associação Galega Corredor do Henares, demandaram a quem isto escreve que dissesse algo sobre o Natal galego e achei que ser nabice não aproveitar. Assim foi como redigi para o número dous dessa publicação umas apressadas primeiras linhas sobre este personagem que é de necessidade recobrar para a nossa tradição antes que seja tarde demais. (...)  O pressente artigo tratar-se-á dum mito do Natal da Galiza, o Apalpador, da que estas folhas pretendem ser uma mínima achega, sem qualquer vaidade de emulação com o grande vulto da cultura galego-portuguesa e universal.”

ANINOVO ou ANO NOVO

En Galicia, o día 1 de xaneiro prendíase o lume novo na lareira ou no adro da igrexa. Neste úlimo caso a comunidade realizaba unha fogueira, que se saltaba como en San Xoán. 

“O lume simboliza o sol, e por iso era habitual prender un tizón ou un lume novo na lareira da casa, abrindo un novo período no ciclo agrícola” (Antonio Reigosa)

Considerábase que había unha relación directa entre a dirección do lume e a previsión metereolóxica para o resto do ano. Outra forma de predecir o tempo é a que relata Antonio Reigosa: 

“Isto aínda é algo que se mantivo ata tempos relativamente recentes. Facíase pondo cascas de cebolas na ventá ou areas de sal no calendario. En moitos lugares, como é o caso de Becerreá, “facíase o rito de coutar o ano, que mo descubriu Helena Villar. O patriarca da casa, desde a porta, recitaba unha fórmula coa familia para espantar os males que puidese traer o ano novo.”

Os rapaces ían de casa en casa cantando xaneiras, aninovos ou manueles, que se transmitían oralmente. En troco das súas cantigas, pedían un aguinaldo, xeralmente en especie (chourizos, torradas, roscas...).



ANO VELLO


En Galicia, os días anteriores ao final de cada ano os rapaces dos pobos van polas casas apañando leña para amorear nunha praza. O 31 de decembro, ás doce da noite, todos os veciños xúntanse alí, prendenlle lume á rima, bailan todos arredor, e así que se apaga , rezan as tres Avemarías do Ánxelus para rematar ben o ano vello e comezar o ano novo. Esta queima ten a mesma significación que á do Entroido.

“A noite do derradeiro día do ano está cargada de misterio xa que se xuntan a despedida do Ano Vello e a benvida do Novo Ano. É un tempo de transición na que se desatan as forzas ocultas e por iso se lle vencellan ritos e poderes máxicos. En moitas partes de Galiza queimaban o Ano Vello, como en Becerreá (Lugo), simbolizado nun boneco de palla vestido con roupa usada que se queimaba cara a medianoite. Un xeito de botar fóra do seu mundo todo o vello.” (Xabier Moure Salgado)


Nalgúns países hispanoamericanos elabóranse bonecos con trapos vellos que se reenchen con foguetes e en Europa lánzanse foguetes coa mesma finalidade.



martes, 22 de decembro de 2015

NOITE DE PAZ


Franz X. Gruber
A letra orixinal desta panxoliña foi escrita por Joseph Mohr e a súa música composta por Franz X. Gruber. Escoitouse por primeira vez o 24 de decembro de 1818 na igrexa de San Nicolás de Oberndorf, Austria. 


Igrexa de San Nicolás,
Oberndorf

Ás cinco da tarde de cada 24 de decembro miles de persoas reúnense nesa igrexa para celebrar un oficio relixioso en memoria dos seus dous creadores. Ao final da devandita cerimonia, dous cantantes, acompañados por unha guitarra e unha coro interprétana e moitos visitantes únense a eles, cada una na súa lingua materna.

Desde a súa creación, cántase en todo o mundo. Existen traducións en máis de 300 idiomas e diferentes versións en cada un deles.

Neste documento podedes ver a letra nas diferentes linguas maternas da nosa comunidade escolar (árabe, castelán, chinés, francés, galego, inglés e romanés). Se premedes en cada un dos títulos, escoitaredela en cada idioma.



luns, 21 de decembro de 2015

O APALPADOR

Todas as culturas teñen un home sabio pola idade que lles axuda aos nenos a pasar o inverno. A cultura galega ten o Apalpador, que durante os anos de esquecemento sobreviviu nos montes do Courel e o Cebreiro e agora volve facernos compaña.
Moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, en Galiza xa habitaba a figura mítica do Apalpador. 
O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, que vive nas devesas das altas montañas facendo carbón para escorrentar o frío do inverno
Na noite do 24 de decembro baixa ata as aldeas, métese polas chemineas nas casas e achégase aos nenos e ás nenas que dormen ao remol das mantas e apálpalles as barrigas para ver se os cativos están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame.  (Fonte: vieiros.com)

Os maiores tranquilizaban con esta cantiga aos nenos e nenas inquedos pola chegada do Apalpador:




  • Contos de Xoán G. sobre este personaxe:

mércores, 11 de novembro de 2015

O SAN MARTIÑO

Esta festividade (11 de novembro) é moi seguida en toda Galicia (segundo o Dicionario dous Nomes Galegos (1998: 370), 235 parroquias levan este nome) e está asociada ás antigas tradicións de matanza porcina de outono.
No concello de Vilalba hai catro parroquias nas que San Martiño é o seu patrón: Codesido, Distriz,Lanzós e Noche.

Lenda do Castro de San Martiño de Lanzós
“Din que apareceu un tesouro, aí ao Adro, no castro. Naide o recorda, pasou fai moitos anos. Apareceu un baúl cheo de xoias e lanzas. Por eso se chama Lanzós esta Parroquia. Deixárono os que vivían no castro cando se foron, porque non podían con todo o que tiñan para levar. Deixárono con intención de volver por el, pero non volveron máis e atopárono os que viñeron vivir despois. O cofre seique estaba cheíño de xoias de ouro e lanzas. O caso é que os que o atoparon puxéronlle Lanzós a esta parroquia que quere decir Terra de Lanzas. Vai tu saber si son contos todo. Tamén din que aí enriba no Coto do Ouro (Linde entre parroquias) hai un xugo de ouro enterrado, fai anos mandaban as cabras pacer ao monte, por mirar de atopalo. Bo!, se te pos a crer nesas cousas, esos son contos que se contan, pero non hai xugos, nin ouro, nin hai nada.”

(Informante: veciña de Lanzós, 81 anos, O Cotelo)
(Fonte: Galicia Encantada)


venres, 30 de outubro de 2015

O SAMAÍN


Chega o DÍA DE DEFUNTOS e empezamos a ver cabazas como a que trouxo á biblioteca Iria Villares, que nos invitan a celebrar o noso SAMAÍN (Halloween noutros países). 
 
Samaín é unha palabra gaélica que significa "fin do verán" e alude a unha antiga festividade celta de orixe profana que se celebra nas datas do 31 de outubro e 1 de novembro. Esa noite as portas do outro mundo ábrense e as ánimas son quen de vir visitar este mundo, moitas veces para render contas inacabadas.
A tradición europea de facer o que nós chamamos caveiras, calacús, calondros, cabazos ou calabazotes vén destes ritos célticos. Unha cabaza iluminada axudará a afastar as ánimas defuntas errantes, igual que facían os celtas cando colocaban a caveira dun inimigo nos muros altos dos seus castros. (Rosa Mª Rodríguez Currás, 3º ESO)


Desta tradición ancestral veñen abondosas historias de ultratumba sobre defuntos que reviven ou interactúan cos vivos, das que se nutriron un bo feixe de escritores galegos como Vicente Risco, Castelao, Otero  Pedrayo, Ánxel Fole, Rafael Dieste, Xosé Miranda, Agustín Fernández Paz, Suso de Toro e moitos outros.

Deixámosvos aquí a curtametraxe galega Os defuntos falaban castelao, baseada nun relato de Ánxel Fole.