luns, 13 de xuño de 2016

A NOSA BIBLIOTECA NO XORNAL EL PROGRESO (07-06-16)

Agustín Fernández Paz recibe a calor dos alumnos do IES Basanta Silva de Vilalba

O escritor, que non puido viaxar pero gravou un vídeo, dálle nome á biblioteca do centro de ensino

Alumnos e mestres do IES Basanta Silva, con Bragado e a familia de Fernández Paz, ante a biblioteca. C.PÉREZ
Un sinxelo e emotivo acto serviu para porlle nome á biblioteca do IES Basanta Silva de Vilalba, que a partir de onte pasa a chamarse oficialmente biblioteca Agustín Fernández Paz, tal e como recolle o cartel descuberto pola irmá do escritor, Tita, acompañada por varios familiares. 

O seu estado de saúde impediulle ao homenaxeado estar presente fisicamente, tal e como lle tería gustado, pero quixo facer acto de presencia polo menos de xeito virtual, a través dun vídeo «caseiro» gravado na tarde do domingo. «Gustaríame estar aí con vós, pero as circunstancias son as que mandan», desculpouse Fernández Paz, «encantado» de que a biblioteca leve o seu nome. 

«As bibliotecas e os libros son moi importantes para min», dixo, polo que este pequeno tributo na súa vila natal «é un motivo de alegría moi grande», asegurou, lembrando que el non estudou nel, pero si veu nacer un instituto que celebra o seu cincuentenario. 

Os escolares dos equipos de normalización lingüística e da biblioteca do centro foron os encargados de coordinar esta homenaxe. 

«O lugar no que estades agora cando eu era neno eran hortas e monte baixo», contóulles aos máis de 200 rapaces presentes, lembrando tamén as bidueiras da beira da estrada «e por aí os cativos das Fontiñas era onde xogabamos, a indios e vaqueiros, a policías e ladróns..., falo de tempos moi antigos», bromeou. 

Xa para despedirse, Fernández Paz incidiu en que se sentía «moi honrado» pola deferencia e prometeu corresponder con libros, ademais de desexar poder visitala biblioteca algún día. 

De introducir a súa intervención encargouse un «moi emocionado» Manuel Bragado, director da editorial Xerais e, sobre todo, amigo persoal do escritor «galego contemporáneo máis importante». Bragado destacou a biblioteca como a «aula principal» e a «fonte de luz» de calquera instituto, polo que veu moi acaído que leve o nome dun destacado membro da «tribo universal dos contadores de historias». 

O acto de homenaxe previo ao descubrimento do nome da biblioteca celebrouse no salón de actos do instituto e tivo como protagonistas a varios alumnos, integrantes dos equipos de normalización lingüística do centro e da biblioteca. 

Eles encargáronse de repasar a vida e a obra de Fernández Paz, falando da súa infancia vilalbesa, da súa defensa do idioma ou dos seus múltiples recoñecementos, lendo tamén fragmentos de varias das súas máis de 50 obras. Ademais, estudantes de segundo de ESO intepretaron varias pezas musicais. (C.P.R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario