xoves, 5 de xaneiro de 2017

O QUE VÉN NO 2017 (ALGUNHAS EFEMÉRIDES LITERARIAS)

Sen afán totalizador é ben claro que a atención mediática no ámbito cultural e literario do vindeiro 2017 vai estar ocupada pola figura de Carlos Casares a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas. Ao tempo, a figura poliédrica do autor ourensán tamén vai verse reforzada polo feito de cumprirse o 50 aniversario da publicación da primeira edición de Vento ferido.

No ámbito dos sesquicentenarios cómpre deixar constancia o dos nacementos de Manuel Amor Meilán e Manuel Casás e, no dos centenarios, salienta o que se debería celebrar aos cen anos do falecemento de Eduardo Pondal, por un lado, e tamén os do poeta e narrador lucense Xesús Rodríguez López, autor de A cruz de salgueiro (1899) entre outras pezas.

Se cadra tamén podería ser suxestivo botar a ollada analítica tanto a La Centuria, revista precedente de Nós e que botaran a andar Vicente Risco e Arturo Noguerol, como ao libro de poemas Da terra asoballada que, en 1917, publicou Ramón Cabanillas.

Hai cincuenta anos cadraron no tempo algúns libros, alén do devandito Vento ferido, como o poemario Non, de Antón Tovar, a edición bilingüe, en El Bardo, de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro e o título pioneiro dentro da literatura infantil galega Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres. Aló van, igualmente, cincuenta anos do falecemento de voces como a de María Mariño, o tradutor Plácido Castro, Lois Peña Novo e o escritor Uxío Carré. Afondaremos nalgún deles ao longo do ano que vén. (Vía: Caderno da Crítica)

Como todos os anos e co obxectivo de "promover o libro e fomentar a lectura", a Secretaría Xeral de Cultura publicou o Calendario do Libro e da Lectura 2017.






Ningún comentario:

Publicar un comentario