venres, 1 de abril de 2016

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Desde 1967, o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil celébrase cada 2 de abril, día do nacemento de Hans Christian Andersen. Esta celebración esta promovida polo IBBY (International Board on Books for Young People ou Organización Internacional para o Libro Xuvenil). Este colectivo sen ánimo de lucro, fundado en Zúrich en 1953, está formado  por asociacións e persoas de todo o mundo comprometidas coa idea de propiciar o encontro entre os libros e a infancia.

Os seus obxectivos son:
  • Promover o entendemento internacional a través dos libros para a infancia e a mocidade.
  • Facilitarlles aos rapaces/as e mozos/as de todos os países oportunidades para acceder aos libros de calidade literaria e artística.
  • Favorecer a publicación e distribución de libros de calidade para nenos/as e xoves, especialmente nos países en desenvolvemento.
  • Fornecer apoio e formación a aqueles que traballan con rapaces/as e mozos/as e cos libros concibidos para eles.
  • Estimular a investigación e a publicación de traballos académicos no campo dos libros para rapaces/as e mozos/as.


Cada ano unha das súas setenta e cinco seccións nacionais é a patrocinadora e a encargada de seleccionar un tema, un escritor e un ilustrador representativos do seu país para elaborar a mensaxe e o cartel. Este ano, o país elixido é Brasil. 







A Sección Española do IBBY recibe o nome de Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI). Constituíuse formalmente o 27 de xullo de 1982.



Ningún comentario:

Publicar un comentario