venres, 29 de abril de 2016

MANUEL MARÍA NAS RÚAS DE VILALBA

As rúas de Vilalba acollerán unha grande exposición en homenaxe a Manuel María

O Concello, en colaboración con todos os centros educativos e o tecido asociativo, programa un calendario de actos para maio e xuño


A capital chairega réndese a Manuel María. O Concello, en colaboración con todos os centros educativos, así como con gran parte do tecido asociativo e cultural da vila, programa un amplo calendario de actos para os meses de maio e xuño, que converterán Vilalba nunha grande exposición en homenaxe ao poeta da Terra Chá, ao que se lle adican este ano as Letras Galegas.
 
No corazón de Vilalba, a Praza da Constitución engalanarase con distintas pancartas elaboradas polos alumnos dos centros educativos do municipio, que ondearán durante os próximos dous meses para recordar a figura e a obra de Manuel María. Pero a praza situada no centro da vila non será o único punto do rueiro vilalbés que honrará ao poeta.

Nos vindeiros días, dende a Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba, repartiranse polos comercios e os locais de hostalería da localidade máis de 300 traballos escolares sobre Manuel María. Trátase duns carteis que se fixeron dende os centros educativos co obxectivo de que os alumnos -dende os máis pequenos aos máis maiores- mostraran «a súa idea do poeta», que estará presente en cada recuncho da vila, tal e como adiantou o edil de cultura, José Antonio Pita, na presentación do calendario de actividades para conmemorar unhas Letras Galegas que teñen a Terra Chá no centro de todas as miradas.

As exposicións ampliaranse a partir do día 20, coa instalación de paneis con códigos QR nos locais institucionais de Vilalba, que lles darán acceso a veciños e visitantes a coñecer os traballos escolares que se están realizando en tódalas aulas, onde tamén recibirán un agasallo, xa que os usuarios do centro ocupacional Vilalba Terra Chá deseñaron unha edición especial de 3.000 marcapáxinas conmemorativos que se entregarán a todos os alumnos. (Vía: El Progreso)

Ningún comentario:

Publicar un comentario