A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Alén do acto central, que terá lugar ás 12:00 do domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborará a escritora Ledicia Costas.
Actividades propostas pola AELG para os centros de ensino
Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo. Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:
Propoñemos para o venres 17 de febreiro a gravación no centro dun Mannequin Challenge. Respondendo ao lema desta iniciativa (#RosalíaTe), propoñemos que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía (de modo, por exemplo, que no vídeo resultante se poidan ler versos completos de Rosalía de Castro, ou que se poidan intuír artisticamente os contidos da súa obra…).
Estes vídeos serían subidos polo centro á rede, antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe. (Vía: AELG)
Ningún comentario:
Publicar un comentario