domingo, 21 de maio de 2017

"PINTORES DE GALICIA"

Neste documental realizado pola TVG coa colaboración de Isaac Díaz Pardo faise un percorrido pola historia da pintura galega. 

“Os espectadores poderán ver como Galicia e as súas xentes empezaron a seren pintadas no derradeiro terzo do século XIX. Foi un proceso vinculado ao Rexurdimento literario e ao rexionalismo político. Aqueles primeiros pintores, como Soutomayor, representaban unha Galicia idealizada, popular e tópica.

Castelao empezou a preocuparse por pintar os problemas da xente, afirmando que Galicia debía ter a súa propia arte e que había que “pintar en galego”. Esta idea recollérona os Maside, Colmeiro, Torres, Souto, Laxeiro e Seoane. Ligaron ese compromiso identitario coas linguaxes das vangardas internacionais e fixeron da pintura galega unha arte internacional.

A Guerra Civil significou o exilio e o silencio para a maioría dos artistas galegos máis comprometidos. Depois de anos moi difíciles, a pintura galega volveu eclosionar nos anos 80 do século pasado co movemento Atlántida. Nos 90 créase a facultade de Belas Artes de Pontevedra e hoxe, cando está a desaparecer a clase media que compraba os seus cadros, os pintores galegos teñen que competir nun mercado internacional moi difícil”. (Vía: CRTVG)




Ningún comentario:

Publicar un comentario