xoves, 18 de maio de 2017

“VENTO FERIDO” DE CARLOS CASARES

O pasado 10 de febreiro cumpríronse 50 anos da publicación de Vento Ferido, a primeira obra do autor, que escribiu diariamente a columna Á marxe no xornal La Voz de Galicia dende 1992 ata 2002, ano do seu pasamento. Na correspondente ao día 12 de decembro de 1998, Un libro, líase:

A miúdo, cando me preguntan cal foi o día máis feliz da miña vida, non sei que responder, pois estou convencido de que esa categoría absoluta non existe. Días felices hai moitos, ou quizais poucos, na vida de case todo o mundo. Podería dicir, en cambio, que unha das datas máis agradables que gardo na memoria correspóndese cunha mañá soleada da primavera do 1967, cando eu era estudante en Santiago e fun á oficina de correos a recoller un paquete do cal ignoraba o seu contido. No momento de abrilo, unha vez que tiña identificado o que viña dentro, sentinme desbordado pola alegría: era o meu primeiro libro, recén publicado.
Era tal a euforia que sentía, que tiña ganas de ensinarllo á xente que pasaba pola rúa, aínda que non a coñecese. Deuse a casualidade de que, ao saír da oficina postal, batín con Ricardo Carballo Calero, que daquela era profesor meu na universidade. Naturalmente, amoseille o libro. Recordo que o colleu, deulle un par de voltas nas mans e díxome: «Ultimamente Galaxia fai unhas portadas azuis moi bonitas».
Desde entón, teño pasado por esa experiencia moitas veces, a última delas hai un par de días. Xa non é o mesmo. A emoción da primeira vez non é agora máis que un sentimento menos rotundo, máis parecido á satisfacción que un sente cando lle rascan a cabeza que á euforia imparable de quen está vivindo nas fronteiras da felicidade. Ignoro se estou falando dun avance ou dun retroceso, dunha proba de madurez ou dunha derrota da vida. Pódese comparar ao momento en que un deixa de crer nos Reis Magos, paso obrigado para non ser un parviño toda a vida. Con todo, un debía ter o dereito de seguir emocionándose un pouco máis con estas cousas.


Mediametraxe inspirada en Vento ferido dirixida por Miguel Grandío.




"O Parlamento de Galicia, con ocasión de dedicárselle o Día das Letras Galegas do 2017 ao escritor Carlos Casares Mouriño, coincidente co 50 aniversario da publicación de Vento Ferido, insta á Xunta de Galicia a manter as iniciativas de política cultural que contribúan a afondar e a espallar o coñecemento da obra literaria de Carlos Casares, do seu pensamento galeguista, do importante labor que desenvolveu no eido da normalización lingüística, da modernización da cultura e na dignificación da lingua galega. Así como contribuír a conservación, divulgación, coñecemento e posta en valor do seu legado material e cívico; mais alá do ano 2017, no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.” (Acordo da Comisión 4.ª, Educación e Cultura, celebrada o 11 de abril de 2017 sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego con motivo da homenaxe no Día das Letras Galegas do ano 2017 ao escritor Carlos Casares Mouriño).


Ningún comentario:

Publicar un comentario