luns, 15 de febreiro de 2016

DÍA DE ROSALÍA 2016

O 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía, co gallo da conmemoración do nacemento da poetisa (nesta ocasión cúmprense 179 anos). 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convida "á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo."

"Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal.
A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.” (AELG)

Este ano a súa proposta para ESO e Bacharelato é realizar un "envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas / queixiñas e choros

Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo."

O noso centro súmase a esta iniciativa e proximamente informarémosvos como a levaremos a cabo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario