venres, 17 de marzo de 2017

MOMENTOS DE POESÍA

Durante unhas horiñas estivo connosco Yolanda Castaño, que veu voando á nosa vila no seu prezado coche.

Ao fondo da paisaxe, a chuvia
esvaece as nubes cun borrón.
Esta folla de ruta milita na xograresca.

Xa teño gana de partir e o meu coche é un soldado.
Non vas oíndo chifrar o seu cargamento sensible?
As estradas comarcais parecen
cadernos pautados.
Gustaríame sucar os montes cun poema ao lombo
coma os viaxantes.
O meu coche é unha bala prateada con
ritmo en vez de pólvora, e eu dígolle: “Vamos!”.
Xuntos atravesamos vales, barrios de funcionarios,
as grandes explotacións eólicas
danme ganas de loitar contra os xigantes.
O meu coche mais eu entendémonos sen dicirnos nada.

Flores brancas do ibuprofeno,
o meu coche é un soldado
e eu dígolle “Vamos recitar poemas
a Monforte de Lemos!”,
e el
acompasa o seu motor ao meu rexistro,
repenica,
badalea
aínda que teña
metrofobia.

Cando tiña tan só quince anos gañou o accésit ao Premio Antonio García Hermida do XVIII Certame de Vilalba con 100 Versos Descoñecidos




Ademais de permitirlle mercar o tan ansiado pantalón de coiro, decatouse de que as súas composicións eran recoñecidas alén do seu colexio. 

 


A escritora e dimamizadora cultural fíxonos reflexionar sobre as figuras literarias (hipérboles, metáforas, etc.) e as distintas interpretacións da linguaxe poética.

Se falase de ti non prounciaría
as silabas supremas
pero bicas ben e gústame estar contigo.
O meu verde co teu azul.

Delirio de ramas.
O meu verde co teu azul.

Abstéñome de pronunciar esas sílabas sublimes
pero gústame cómo abrazas e o teu pelo fai xogo co meu vestido.
Os teus dedos patinan nas miñas medias.
O meu verde co teu azul.


O Vídeo da Egoísta, galardoado co 1º premio no apartado de videocreación do Festival Curtocircuito 2004 exemplificou a mestura de linguaxes creativas.






A POESÍA É UNHA LINGUA MINORIZADA

Comezaría polo espesor. A súa acidez, o seu ph.

Camiña igual ca unha muller:
entre o masacre do invisible
e o campo de concentración da visibilidade.

Ladra estilo e final,
unha épica hospitalaria.

No poema a linguaxe
faise ouvidos xordos a si mesma,
nel as palabras amplían
o seu círculo de amizades.

Hai que masturbar o abecedario
ata que balbuza cousas
aparentemente inconexas.

Caixa de cambios da fala,
acenos doutra orde.
O sorriso do mosquito dentro da pedra de ámbar.

Non se trata de que non comprendas árabe.
Non entendes
poesía.

Boa viaxe e estadía na Verde Erín!





Aproveitamos para animaros a que penetredes no mundo da poesía e participedes no III Concurso de Videopoemas, que convocaremos proximamente e cuxo fallo farase público o Día das Letras Galegas.



 

  

 

 

 

 

 

 

Ao rematar a actividade, realizou este caligrama-dedicatoria no libro Verdedades.




Ningún comentario:

Publicar un comentario