martes, 5 de xaneiro de 2016

AS 100 PALABRAS EN GALEGO PARA DESIGNAR A CHOIVA


Existe a crenza de que os esquimós inuit teñen centos de palabras distintas para designar a neve. Pero é falso. A falacia foi propalada polo antropólogo estadounidense Franz Boas en 1911. En realidade, as linguas inuit son polisintéticas, co que crean longas palabras que funcionan como frases completas. E por iso só teñen dúas raíces léxicas ou ‘palabras’ para a neve: ‘ganik’, para os copos no aire; e ‘aput’, para a que se acumula no chan. Que logo, cando se escoitan, parezan longas palabras só responde a que lle suman afijos que en galego serían adxectivos ou preposicións como ‘branca neve’, ‘neve a derreter’ ou ‘neve en po’.

Así que non é certa a lenda dos esquimós e a palabra neve. Pero si é verdade que os galegos teñen máis de cen palabras para designar a choiva, das que 61 a denominan directamente. As razóns resultan bastante obvias.

Hai xa algúns anos, a catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago Elvira Fidalgo identificou as palabras para a choiva en Galicia, tras enquisas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora. “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito”, reflectiu no seu estudo Elvira Fidalgo.

Para denominar a choiva de pouca intensidade, o orballo, en Galicia poden utilizarse os termos orballo, orballeira, orballada; chuvisco, chuviscada, chuviña, relacionadas co latín ‘pluvia’. Pero tamén babuxa, babuxada, barruxeira, barruxada, barruceira, que estarían relacionadas co termo grego “Boreas”, vento do norte, e que traería a auga; outras como poalla, poalleira, poallada están creadas sobre o latín “pulvis”, que evolucionou en latín vulgar ata dar “po” en galego, e que está na base desas palabras ao comparar a choiva de pingas moi finas coas partículas de po en suspensión.

Para a denominación de choiva forte, ademais dos mencionados, o galego emprega sobre todo os derivados do latín “turbo”, que indicaba calquera tipo de obxecto impulsado cun movemento circular. E será esta idea a que se asocie á choiva para crear palabras como trebón, torbón, treboada, torboada. Termos como borrascada foron creados sobre o mesmo “boreas”, ao que se lle engadiu un sufixo intensificador.

E en contra do que moitos pensan, unha ‘chuvieira’ non é unha choiva feble, senón que se aplica cando chove con forza, aínda que por pouco tempo.

Ás palabras propias para a choiva en galego, hai que engadir as expresións formadas con máis un elemento que indica gran cantidade, por exemplo “chover a caldeiros”, “chover a ballón”, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón”, “a choupón”.

Aquí tes 61 palabras para dicir choiva en galego

Para resumir aquí están 61 palabras galegas distintas para denominar a choiva. E outras dezaseis máis relacionadas co mesmo concepto:

Para chuvia feble: Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…

Para chuvia forte: Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…

Cando hai raios e tronos: Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…

Se vén con neve e xeo: Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…

Cando remata de chover: Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…

E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…

(Vía: O Portal da Ciencia Galega) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario