mércores, 5 de abril de 2017

38º ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE LUÍS SEOANE.

Luís Seoane naceu en Buenos Aires o 1 de xuño de 1910, no seo dunha familia galega emigrante que regresaría á terra de orixe en 1916. O artista e escritor, un dos intelectuais do século XX que máis contribuíu á renovación e dignificación da nosa arte, volveu instalarse en Arxentina en 1936 fuxindo da guerra civil. Tras os anos do exilio, pasou a derradeira etapa da vida en Galicia, pero a súa biblioteca de arte persoal ficou á outra beira do océano Atlántico. En 1980 a Real Academia Galega recibiu este fondo bibliográfico cumprindo o seu desexo. A biblioteca é unha das mellores na súa especialidade, cun marcado carácter internacional e composta case integramente por primeiras edicións. 

Os cerca de 2.500 libros que Luís Seoane legou á biblioteca da Real Academia Galega permaneceron máis de oito meses a bordo do buque mercante La Pampa, baixo o coidado de Ariel Canzani, poeta arxentino amigo do artista. Nunha primeira viaxe rumbo á costa peninsular, emprendida en decembro de 1979, os volumes non chegaron a desembarcar ao se suspender a escala prevista en Xixón. Máis sorte houbo ao segundo intento, nunha longa travesía que arrincou en abril de 1980. Tras unha morea de escalas en distintos portos europeos, o buque cargado de trigo e libros chegou a Bilbao o 14 de xullo. Había folga de estibadores. Canzani falou cos piquetes e cando souberon cal era a mercadoría accederon a descargala, relataba o poeta ao xornalista Xosé Palmeiro en La Voz de Galicia en agosto de 1980. (Vía: Real Academia Galega)

Ningún comentario:

Publicar un comentario