sábado, 31 de decembro de 2016

REMATA O ANO DO CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA

A primeira Irmandade da Fala constituíuse en A Coruña o 18 de maio de 1916. Na reunión, convocada por Antón Vilar Ponte no local da Real Academia Galega, participaron vinte persoas, entre as que se atopaban: Uxío Carré Aldao, Xosé Iglesias Roura, Manuel Lugrís Freire, Francisco Tettamancy, Florencio Vaamonde Lores e Ramón Vilar Ponte.
A Irmandade da Fala de Vilalba, fundada por Lois Peña Novo e Antonio García Hermida, tamén naceu no devandito ano. 


"As Irmandades foron un punto de inflexión moi importante na evolución non só do galeguismo político, do nacionalismo, senón tamén na do conxunto do país" (Justo Beramendi)



A exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, organizada pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, fai un percorrido pola historia deste movemento.




venres, 30 de decembro de 2016

CIENCIA EN GALEGO

"Para divulgar hai que falar na lingua da contorna e a nosa lingua é o galego" (Anxo Carracedo)


AS PALABRAS DO ANO 2016

Entre os case douscentos termos propostos, o Portal das Palabras elixiu irmandade como Palabra do Ano 2016 entre as seis finalistas, das que formaba parte: porcoril (híbrido de porco vietnamita e xabaril), alburgada, eleccións, populismo e xenofobia.


“2016 foi o Ano das Irmandades da Fala, coincidindo co centenario da súa fundación. Coñecendo o sentido que impulsou a súa actividade e mais a súa maneira de facer, non queda dúbida de que irmandade é a mellor palabra que puideron escoller para se presentar á historia. Os seus membros tratábanse entre deles de irmáns, e con ese apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida”. (Seguir lendo)


A Fundación del Español Urgente publicou o 23 de decembro as doce candidatas a ser a “palabra del año”: sorpaso, bizarro, youtubero, populismo, LGTBfobia, posverdad, abstenciocracia, cuñadismo, ningufoneo, vendehúmos, papilomavirus e videoarbitrajeA gañadora foi populismo.

No ano 2015, ambas entidades coincidiron na elección (refuxiado).


xoves, 29 de decembro de 2016

"LOS PECES EN EL RÍO"

Quen non coñece esta panxoliña?


Cientificamente, os peixes de río moven a boca para respirar, non para beber. 

Premendo na seguinte imaxe, atoparás a explicación.

Troita común (Salmo trutta)

Máis información:

luns, 26 de decembro de 2016

LUAR NA LUBRE. TRINTA ANOS DE CARREIRA MUSICAL

No ano 1986 nace LUAR NA LUBRE na cidade de A Coruña converténdose co paso dos anos e o seu teimoso traballo nunha das formacións máis prometedoras e referenciais da música feita na Galiza. 

O traballo que desenrola a banda está enfocado dende a óptica de entender que a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego. O grupo pretende que na Galiza predomine a súa cultura aínda que non rexeita influenzas que melloren a súa proposta sen deturpar o carácter central do seu proxecto.

O proxecto baséase fundamentalmente nas músicas de raíces galegas polo que dedican especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lles proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias. (Vía: Páxina oficial do grupo)


Deixámosvos dous dos seus temas, un do seu primeiro disco e outro do penúltimo.






luns, 12 de decembro de 2016

REUNIÓNS PARA COMENTAR OS LIBROS DO CLUB DE LECTURA


HORA
LUNS 19
MARTES 29
MÉRCORES 21
11:45-14:15
Club de Lectura de 3º e 4º de ESO
(Salón de actos)
Club de Lectura de 1º e 2º de Bacharelato
(Biblioteca)
12:35-14:15
Club de Lectura de 2º de ESO
(Biblioteca)
16:15-17:55
Club de Lectura de 1º de ESO
(Biblioteca)


xoves, 1 de decembro de 2016

DÍA MUNDIAL CONTRA A SIDA

En novembro de 2013, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública iniciou a campaña Sex Invaders e os preservativos defensivos na rede social Facebook. Esta actividade estaba dirixida á mocidade galega e tiña por obxectivo previr as infeccións de transmisión sexual (ITS). Para acadar este obxectivo, creouse unha páxina en Facebook chamada Sex invaders e colgouse dentro dela un xogo que consiste en superar diferentes niveis nos que o xogador/a loitará contra diferentes parasitos, virus e bacterias que producen ITS. Ademais do xogo, a través desta páxina pódense facer preguntas anónimas ao equipo de especialistas en ITS da Consellería de Sanidade.

Cada 1 de decembro, o Plan galego anti VIH/sida e outras ITS desenvolve a campaña do Día mundial da Sida. Nesta campaña faise unha distribución masiva de material divulgativo sobre o VIH en todos os centros de ensino de Galicia. Para continuar con esta actividade, actualizáronse os folletos de prevención do VIH e as demais ITS na mocidade. Non obstante, este folleto tamén pode distribuírse noutras campañas de información e sensibilización dirixidas á mocidade galega. (Vía: Servicio Galego de Sáude)



EDUARDO MENDOZA, PREMIO CERVANTES 2016


O escritor español Eduardo Mendoza obtivo este galardón, que recoñece a figura dun escritor que, co conxunto da súa obra, contribúe a enriquecer o legado literario hispano.

Nacido en Barcelona no ano 1943. Publicou varias novelas, das que detacamos: La verdad sobre el caso Savolta (Premio de la Crítica), El misterio de la cripta embrujada, El laberinto de las aceitunas, La ciudad de los prodigios (Premio Ciudad de Barcelona), Sin noticias de Gurb, Una comedia ligera (Mejor Libro Extranjero en Francia), La aventura del tocador de señoras (Libro del Año del Gremio de Libreros de Madrid), Mauricio o las elecciones primarias (Premio de Novela Fundación José Manuel Lara), El asombroso viaje de Pomponio Flato (Premio Terenci Moix e Pluma de Plata da Feria del Libro de Bilbao) e Riña de gatos (Premio Planeta). Recibiu así mesmo o Premio Liber, o Premio de la Cultura de Cataluña e o Premio Franz Kafka.