xoves, 31 de decembro de 2015

JOSÉ ANDRÉ LÔPEZ GONÇÂLEZ

Este chairego naceu na parroquia dos Vilares, Guitiriz, en 1955. Coñecido pola recuperación do personaxe do Apalpador, é colaborador do Diário Liberdade e compilador e clasificador de textos marxistas en galego-portugués.
O día 31 de decembro de 2006, fai chegar ao Portal Galego da Língua o artigo O Apalpador: Personagem mítico do Natal galego a regaste para a súa publicación. Na introdución escribiu:

 “Fora em Maio de 2001 quando, os daquela directores de Vaga-lume, órgão oficial da Associação Galega Corredor do Henares, demandaram a quem isto escreve que dissesse algo sobre o Natal galego e achei que ser nabice não aproveitar. Assim foi como redigi para o número dous dessa publicação umas apressadas primeiras linhas sobre este personagem que é de necessidade recobrar para a nossa tradição antes que seja tarde demais. (...)  O pressente artigo tratar-se-á dum mito do Natal da Galiza, o Apalpador, da que estas folhas pretendem ser uma mínima achega, sem qualquer vaidade de emulação com o grande vulto da cultura galego-portuguesa e universal.”

ANINOVO ou ANO NOVO

En Galicia, o día 1 de xaneiro prendíase o lume novo na lareira ou no adro da igrexa. Neste úlimo caso a comunidade realizaba unha fogueira, que se saltaba como en San Xoán. 

“O lume simboliza o sol, e por iso era habitual prender un tizón ou un lume novo na lareira da casa, abrindo un novo período no ciclo agrícola” (Antonio Reigosa)

Considerábase que había unha relación directa entre a dirección do lume e a previsión metereolóxica para o resto do ano. Outra forma de predecir o tempo é a que relata Antonio Reigosa: 

“Isto aínda é algo que se mantivo ata tempos relativamente recentes. Facíase pondo cascas de cebolas na ventá ou areas de sal no calendario. En moitos lugares, como é o caso de Becerreá, “facíase o rito de coutar o ano, que mo descubriu Helena Villar. O patriarca da casa, desde a porta, recitaba unha fórmula coa familia para espantar os males que puidese traer o ano novo.”

Os rapaces ían de casa en casa cantando xaneiras, aninovos ou manueles, que se transmitían oralmente. En troco das súas cantigas, pedían un aguinaldo, xeralmente en especie (chourizos, torradas, roscas...).



ANO VELLO


En Galicia, os días anteriores ao final de cada ano os rapaces dos pobos van polas casas apañando leña para amorear nunha praza. O 31 de decembro, ás doce da noite, todos os veciños xúntanse alí, prendenlle lume á rima, bailan todos arredor, e así que se apaga , rezan as tres Avemarías do Ánxelus para rematar ben o ano vello e comezar o ano novo. Esta queima ten a mesma significación que á do Entroido.

“A noite do derradeiro día do ano está cargada de misterio xa que se xuntan a despedida do Ano Vello e a benvida do Novo Ano. É un tempo de transición na que se desatan as forzas ocultas e por iso se lle vencellan ritos e poderes máxicos. En moitas partes de Galiza queimaban o Ano Vello, como en Becerreá (Lugo), simbolizado nun boneco de palla vestido con roupa usada que se queimaba cara a medianoite. Un xeito de botar fóra do seu mundo todo o vello.” (Xabier Moure Salgado)


Nalgúns países hispanoamericanos elabóranse bonecos con trapos vellos que se reenchen con foguetes e en Europa lánzanse foguetes coa mesma finalidade.



mércores, 30 de decembro de 2015

NOVIDADES DO MES DE DECEMBRO

Estes son algúns dos libros chegados recentemente á biblioteca. A medida que os vaiamos rexistrando, irémosvos informando.

CALENDARIO DA LECTURA DO MES DE XANEIRO


AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ NOS CLUBS DE LECTURA

A Asesoría de Bibliotecas Escolares publicou dúas listas á vista das memorias dos Clubs de Lectura que recibiron axudas a través da convocatoria da D. X. de Centros e Recursos Humanos para o seu funcionamento.

No primeiro posto da lista 40 autores/as máis lidos está Agustín Fernández Paz, quen tamén consta no proxecto do noso Club de Lectura deste curso co fin de colaborar coas actividades programadas polo equipo da biblioteca  para a conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, que celebraremos do 1 ao 14 de abril e centraremos na figura deste escritor vilalbés.

Na lista 50 títulos máis lidos podemos ver que hai tres deste autor. Os seleccionados para os diferentes grupos do noso Club de Lectura son: Cartas de inverno (grupo de 1º de ESO), A neve interminable (grupo de 2º de ESO) e Non hai noite tan longa (grupo de 3º e 4º de ESO). Todos eles leranse no segundo trimestre, antes da devandita celebración.

sábado, 26 de decembro de 2015

200º ANIVERSARIO DA PUBLICACIÓN DE “EMMA”

Jane Austen.
Acuarela feita pola súa irmá Cassandra

Jane Austen (1775-1815), unha das escritoras máis importantes da literatura en inglés, plasmou nas súas obras a época victoriana, na que viviu. Morreu, aos 40 anos de idade, pouco despois da publicación de Emma na casa de Chawton, Hampshire. 
As súas novelas, baseadas na súa propia experiencia, examinan os valores morais desa sociedade. Os personaxes principais, por primeira vez na historia, son mulleres que asumen un papel central xa que a escritora defende unha educación liberal para elas. Entre as súas obras principais están: Sentido e sensibilidade, Orgullo e prexuízo, Mansfield Park, Emma e A Abadía de Northanger. Case todas foron levadas ao cinema en diferentes ocasións.


Emma publicouse por primeira vez o día 23 de decembro de 1815. Narra a historia dunha intelixente e laboriosa nova empeñada en facer de Celestina de todas as súas amizades. Cando o seu institutriz, amiga e confidente decide contraer matrimonio, Emma Woodhouse queda soa cos seus propios sentimentos e enfróntase ao baleiro da súa vida e á penosa tarefa de tentar que os demais leven unha vida tan perfecta como a súa. Todos os seus traballos de manipulación sentimental crean á súa ao redor unha telaraña de enredos, malentendidos e confusións que poñen a proba a súa confianza en si mesma.

xoves, 24 de decembro de 2015

CONSUMO RESPONSABLE NAS FESTAS DO NADAL

Desde mediados de novembro ou antes os medios de comunicación bombardéannos cunha ampla variedade de produtos de consumo para as festas do Nadal. Estas convertéronse nun período no que parece obrigatorio adornar as casas e cidades de modo recargado, facer compras excesivas, realizar comidas copiosas, etc.

O consumo responsable consiste en elixir os produtos e servizos pensando non só na súa calidade e prezo, senón tamén no seu impacto ambiental e social, e na conduta das empresas que os fabrican. Se aplicamos as “3R” da ecoloxía (Reducir, Reutilizar e Reciclar), os nosos hábitos de consumo serán máis responsables social e ambientalmente.



O "VILLANCICO"

Hoxe en día relacionamos esta canción sinxela a temas relixiosos e ás festas do Nadal. Mais non sempre foi así. No século XIV había en España cancións, de temática xeneralmente profana, creadas nas zonas rurais e cantadas en celebracións populares de calquera momento do ano. A súa forma proviña das cantigas medievais e o seu nome das persoas que as cantaban (villanos, habitantes das vilas rurais). No século XV, xurdiron os primeiros villancicos a partir da modificación desas cancións e cen anos máis tarde, no século XVI, a Igrexa decidiu promover a música en lingua vernácula durante as misas co obxectivo de promover a evangelización. Desta forma, quedaron asociados á relixión, especialmente ás festividades do Nadal.

Existen cancións do Nadal en todas as culturas cristiás. Algúns dos seus nomes son أغاني الميلاد (árabe), クリスマスの音楽一覧 (chinés), chants de Nöel (francés), vilancicos e panxoliñas (galego), Christmas carols (inglés), canções de Natal (portugués), colinde (romanés) … 

Selección de cancións e vídeos en diferentes linguas:




martes, 22 de decembro de 2015

NOITE DE PAZ


Franz X. Gruber
A letra orixinal desta panxoliña foi escrita por Joseph Mohr e a súa música composta por Franz X. Gruber. Escoitouse por primeira vez o 24 de decembro de 1818 na igrexa de San Nicolás de Oberndorf, Austria. 


Igrexa de San Nicolás,
Oberndorf

Ás cinco da tarde de cada 24 de decembro miles de persoas reúnense nesa igrexa para celebrar un oficio relixioso en memoria dos seus dous creadores. Ao final da devandita cerimonia, dous cantantes, acompañados por unha guitarra e unha coro interprétana e moitos visitantes únense a eles, cada una na súa lingua materna.

Desde a súa creación, cántase en todo o mundo. Existen traducións en máis de 300 idiomas e diferentes versións en cada un deles.

Neste documento podedes ver a letra nas diferentes linguas maternas da nosa comunidade escolar (árabe, castelán, chinés, francés, galego, inglés e romanés). Se premedes en cada un dos títulos, escoitaredela en cada idioma.



luns, 21 de decembro de 2015

O APALPADOR

Todas as culturas teñen un home sabio pola idade que lles axuda aos nenos a pasar o inverno. A cultura galega ten o Apalpador, que durante os anos de esquecemento sobreviviu nos montes do Courel e o Cebreiro e agora volve facernos compaña.
Moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, en Galiza xa habitaba a figura mítica do Apalpador. 
O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, que vive nas devesas das altas montañas facendo carbón para escorrentar o frío do inverno
Na noite do 24 de decembro baixa ata as aldeas, métese polas chemineas nas casas e achégase aos nenos e ás nenas que dormen ao remol das mantas e apálpalles as barrigas para ver se os cativos están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame.  (Fonte: vieiros.com)

Os maiores tranquilizaban con esta cantiga aos nenos e nenas inquedos pola chegada do Apalpador:




  • Contos de Xoán G. sobre este personaxe:

domingo, 20 de decembro de 2015

BIBLIOTECA VIRTUAL DE LA FILOLOGÍA ESPAÑOLA

É un recurso online para docentes, discentes, departamentos e institucións relacionadas co estudo e a promoción da historia da lingua e cultura españolas. Trátase dun directorio bibliográfico que reúne, máis de 8000 rexistros que ata a data só podían acharse dispersos en diferentes repositorios web. 
Contén gramáticas, libros de historia da lingua, de ortografía, ortología, prosodia, métrica, diálogos etc., e é un portal que se actualiza con novos rexistros semanalmente. A partir de decembro de 2015 incorpora, ademais, unha sección con biobibliografías. O proxecto está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Goberno de España.

THE BIG CHALLENGE

Consiste nunha proba individual de 45 cuestións tipo test cunha única resposta entre catro posibilidades (“multiple choice”) sobre cuestións de vocabulario, gramática, pronunciación e civilización.
As profesoras do departamento de inglés poden resolver calquera dúbida que teñades sobre o mesmo.

Data límite de inscrición: 6 de febreiro de 2016.

A maioría de vós xa coñecedes este concurso, no que gran parte de noso participa cada ano. 
Entrega de premios e agasallos a todos os participantes na convocatoria de 2015

V CONCURSO DE DEBUXO E LEMAS SOBRE A DOAZÓN E TRANSPLANTES

A Oficina de Coordinación e Transplantes (OCT) do Servizo Galego de Saúde convoca este concurso para escolares relacionado coa doazón e transplantes: "a vida, o mellor agasallo".
Ten como finalidade acercar a realidade da doazón e os transplantes á poboación escolar na nosa Comunicadade Autónoma, de modo que o alumnado sexa capaz de valorar os beneficios para a cidadanía do fomento da doazón de órganos.
Poderán participar neste concurso o alumnado de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO de todos os centros educativos, tantos sostidos con fondos públicos coma privados, da Comunidade Autónoma galega.
Prazo de presentación: 29 de abril de 2016.


XIII EDICIÓN DO CONCURSO ESCOLAR DE DEBUXOS SOBRE DEREITOS HUMANOS


O Defensor do Pobo convocou a escolares de toda España para que participen no seu concurso de debuxos sobre dereitos humanos. Este concurso ten como obxectivo achegar a nenos e novos o coñecemento dos dereitos humanos e o fomento dos valores democráticos.
Poderán participar todos os alumnos de ensinos Primaria e Secundaria de España. Para poder participar no concurso cada alumno deberá presentar un debuxo orixinal, con calquera material ou técnica, relativo aos dereitos humanos. O debuxo presentarase nunha folla de papel de tamaño A4.
Establécense seis premios: tres para Primaria e tres para Secundaria (ESO, bacharelato e ciclos formativos de Grao Medio), consistentes nun computador portátil netbook para cada gañador.
Os traballos faranse chegar antes do 31 de marzo de 2016.


Moitos de vós participastes este mes nas charlas e talleres sobre os dereitos humanos e tamén realizastes debuxos para o mural do centro. 
Animádevos a enviar as vosas propostas.


xoves, 17 de decembro de 2015

CONVIVENCIA, VALOR DA DIVERSIDADE

Neste obradoiro participaron todos os grupos de 3º de ESO. 





    

 

Agora hai que poñer en práctica o aprendido!

Grazas a todas as entidades por colaborar con nós. 

martes, 15 de decembro de 2015

QUÉROTE+

Hoxe está con nosoutros un membro desta asocaición gobernamental realizando obradoiros co alumnado de 3º de ESO sobre o valor da diversidade.

En Vilalba, o Espazo Xove da asociación está na rúa Novo Cazón e o seu teléfono é 982 241 732.

domingo, 13 de decembro de 2015

SUFRAGISTAS

Esta película dirixida por Sarha Gavron e protagonizada por Meryl Streep, Carey Mulligan, Helena Bonham Carter e  Ben Whishaw estrearase en España o próximo 18 de decembro. Foi escrita por Abi Morgan a partir dunha historia real e mostra as inxustizas, golpes, danos e malos tratos físicos e emocionais aos que se expuxeron as pioneiras do grupo feminista, que tiña como misión conseguir o voto para as mulleres en Inglaterra. Estas mulleres foron a carne de canón dunha persecución liderada pola policía e autoridades británicas entre 1911 e 1913. 



O sufragismo foi un movemento internacional de reivindicación do dereito das mulleres para exercer o voto. Orixinado nos Estados Unidos a finais da década de 1840, e cunha forte implantación no Reino Unido, desde 1865 o movemento estendeuse a gran parte dos países europeos.


En 1987 creouse en Gran Bretaña A Unión Nacional de Sociedades polo Sufraxio das Mulleres (National Union of Women’s Suffrage Societies) reunindo a todas o activistas a prol do sufraxio feminino. Unha das súas fundadoras foi Emmeline Pankhurst. As reivindicacións da Unión fóronse ampliando: o dereito das mulleres para recibir igual salario que un home polo mesmo traballo, o dereito das mulleres para ser, xunto aos pais, as titoras legais dos seus fillos, e a incorporación das mulleres á carreira xudicial.  As sufraxistas conseguiron o voto para as mulleres (maiores de 30) en Gran Bretaña en 1918.

O 1 de decembro de 1931, recoñecíase, por primeira vez en España, o dereito das mulleres ao voto. Ata ese día, as mulleres eran elegibles pero non podían votar mentres que os homes xa podían facelo desde 1989. Clara Campoamor, unha das primeiras deputadas das Cortes da Segunda República, foi a principal impulsora deste logro e é, hoxe en día, un referente na loita pola igualdade da muller.

“Nosotras, mujeres, no debemos prestarnos a contribuir a la farsa de hacer creer al mundo que la mujer en el Estado español tiene personalidad propia, cuando la realidad no es ésta.” (Clara Campoamor)





sábado, 12 de decembro de 2015

LA AVENIDA DE LOS LIBROS

Nesta revista online sobre literatura xuvenil, podedes coñecer as novidades editoriais de cada mes, ler opinións de novelas de distintas tématicas, coñecer a distintos autores e autoras a través dalgunhas entrevistas, etc.

EL TEMPLO DE LAS MIL PUERTAS

Se vos interesa a literatura xuvenil, botádelle unha ollada a esta revista bimensual, online e gratuita. 

Deixámosvos o enlace ao seu último número:

GUÍA DE CAMPO PARA A INTERPRETACIÓN DO FEÍSMO NA PAISAXE GALEGA

Este libro editouse únicamente en formato dixital co motivo de “colaborar na protección dos bosques nativos e non fomentar os monocultivos forestais celulósicos.”

"Foi realizado por Pablo Ramil Rego e Javier Ferreiro da Costa, e constitúe o primer libro publicado sobre este tema (...) Os autores elaboran unha novidosa tipoloxía para a caracterización e diferenciación das distintas manifestacións do feísmo na paisaxe de Galicia. O documento adopta un aire de guía de campo (...) para debullar coa descrición dun conxunto de 34 tipos de feísmo o estado en que se atopa a paisaxe de Galicia. Cada un dos tipos establecidos resúmense de forma breve, acompañados de varias fotografías ilustrativas."(Fonte: IBADER)

ALGÚNS CÓMICS CLÁSICOS

Estas series quizais non vos soen mais probablememente as vosas nais e pais leron exemplarres delas cando eran novos.
Se queredes que publiquemos aquí algún número máis, anotádeo en "comentarios".




CÓMICS SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO E A IGUALDADE DE XÉNERO




Esta serie, creada por Cómic Uniting Nations, está en varios idiomas e pódese descargar ou ler en liña.



Ligazóns dos títulos:

martes, 8 de decembro de 2015

CONTRA O ACOSO ESCOLAR E A XENOFOBIA


No al Acoso Escolar Stop Bullying é unha asociación cuxa misión é axudar ás persoas que sofren ou sufriron acoso escolar. Está formada por un grupo de 15 voluntarios (psicólogos, profesores, educadores, avogados, etc.) que responden ás consultas na rede. Non al Acoso traballou nun proxecto chamado ARBAX (Against Racial Bullying and Xenophobia) que foi financiado pola Unión Europea.

O videoxogo ARBAX inclúe un xogo de rol elaborado en 3D, interactivo e lúdico, ideado para combater o acoso escolar en colexios con alumnado de entre 12 e 16 anos. Baséase en situacións reais nas que os usuarios teñen que atopar solucións e decidir como actuar en varias situacións relacionadas co bullying e a xenofobia.

domingo, 6 de decembro de 2015

EUROSCOLA 2016

É un concurso en liña de educación en valores europeos. O seu principal obxectivo é o de acercar a Unión Europea aos máis novos facéndoos partícipes do proceso de construción europea. Esta convocado pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España en colaboración coa Representación en España da Comisión Europea e a Secretaría de Estado para a Unión Europea. A finalidade deste concurso é reflexionar sobre o proceso de transformación de España a partir da súa integración na UE en 1986 e promover o pensamento crítico, valorar os logos alcanzados e analizar os desafíos e retos para o futuro.
  • Tema: ¿Como cambiou España a raíz da súa integración na UE?
  • Destinatarios: docentes e alumnado de 3º e 4º da ESO, bacharelato ou ciclos formativos de grao medio.


EUSTORY (9º edición)

Este concurso de historia a nivel europeo para estudantes de secundaria e bacharelato, propón nesta edición un achegamento ao patrimonio histórico a través dunha investigación na que o alumnado deberá reflexionar sobre a súa contorna. A data límite de entrega dos traballos é o 17 de agosto de 2016. A participación está aberta aos estudantes de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato, que poden presentarse ao certame de forma individual ou en grupo.

Para o alumnado haberá un primeiro premio de 2500€, catro segundos de 1000€, cinco terceiros de 500€ e10 accésit de 200€; ademais dunha viaxe a Europa. Para os tirores os galardóns serán de 1250€ o primeiro premio, 500€ o segundo, 250€ o terceiro e 100€ o accésit.



sábado, 5 de decembro de 2015

ALERTCOPS

Esta aplicación móbil, posta en marcha polo Ministerio do Interior, facilita a comunicación dos cidadáns coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para alertar sobre unha situación delituosa da que se é vítima ou testemuña.



O 25 de novembro incorporou un novo botón específico para alertar sobre unha situación de violencia de xénero.
  
Ao seleccionar este tipo de alerta, pregúntase ao usuario se é vítima ou testemuña e inmediatamente envíase a notificación ao centro de atención máis próximo, xunto coa información do usuario e a súa posición xeográfica exacta. A partir dese momento, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado xestionan a situación de risco, poñéndose en contacto co usuario por chat ou por vía telefónica para solicitar máis información, ofrecer indicacións, mobilizando efectivos á localización da alerta ou calquera outra acción que se estime oportuna.
Co fin de protexer á vítima, unha vez que a alerta se pecha por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, non queda rastro algún no terminal do usuario.

CARLITOS Y SNOOPY. LA PELÍCULA DE LOS PEANUTS.


Esta película estrearase en España o 25 de decembro. É a adaptación da famosa creación de Charles Monroe Schulz, Peanuts, coñecida tamén polo nome dos seus dous protagonistas principais, Snoopy e Charlie Brown.

A primeira tira cómica diaria publicouse o 2 de outubro de 1950 en sete dos máis importantes xornais norteamericanos (Washington Post, Chicago Tribune, Minneapolis Tribune, Allentown Call-Chronicle, Denver Post, Bethlehem Globe-Time e Seattle Estafes). 


Schulz, que debuxara máis de 17.000 tiras durante 50 anos, decidiu deixar de facelo ao estar afectado por unha enfermidade grave e despediuse dos seus lectores cunha tira que se publicou o 13 de febreiro de 2000, un día despois da súa morte.


“Queridos amigos:
Tiven a sorte de debuxar a Charlie Brown e os seus amigos durante case cincuenta anos. Iso significou a realización das miñas ambicións de neno. Desgraciadamente, xa non estou en condicións de manter o ritmo que impón unha tira cómica diaria, así que anuncio a miña retirada. Durante todos estes anos non sentín senón agradecemento pola lealdade dos nosos directores e polo apoio e o agarimo marabilloso que me fixeron chegar os seguidores desta tira cómica. Charlie Brown, Snoopy, Linus, Lucy... como poderei esquecelos...”

 As tiras de Peanuts foron publicadas en máis de 2.600 xornais, lidas por 355 millóns de persoas en 75 países e traducidas a 26 idiomas.


ROTEIRO LITERARIO POLA TERRA CHÁ

http://territorio.aelg.org/AmosarRoteiroDetalle.do;jsessionid=2C18595DEC49F5035285D7ADD325D171?id=16#

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ofrécenos a posibilidade de realizar esta viaxe da man de Darío Xoán Cabana. 

Premede aquí

ESCRITOS NA FLORESTA. ÁRBORES HISTÓRICAS

Esta exposición está baseada nun dos apartados do libro-catálogo Escritos na Floresta. Árbores senlleiras na cultura chairega, de Ricardo Polín, que xa comentamos nunha entrada anterior.
A mostra está composta de máis de 40 paneis, que poderedes ver e ler mellor na sala de exposicións do centro.