Amosando publicacións coa etiqueta Parlamento Xove. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Parlamento Xove. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de outubro de 2017

Visita ao vello cárcere de Lugo.

No 1887 Nemesio Cobreros constrúe en Lugo o segundo cárcere modelo do Estado e o primeiro pertencente á orde panóptica, continuadora do modelo ideado polo filósofo inglés Jeremy Bentham a finais do XVIII, que garantía a vixiancia do detido, velo sen que el vexa ao vixiante, o que asegura o funcionamento automático do poder. Outros exemplos coñecidos son os cárceres de Barcelona, Oviedo ou Badaxoz, onde se primaba a individualización do preso fronte aos anteriores sistemas de aglomeración. Pero co colpe de estado do 1936, este cárcere, pensado para 140 reclusos, chega a albergar 900 persoas. Dende este momento, ata finais de 1940 rexistráronse máis de cinco mil ingresos nesta prisión por motivos políticos.


Esta visita, realizada polas alumnas e alumnos participantes nos debates do Parlamento Xove, tiña como obxeto ver “in situ” a idea do panóptico de Bentham, que tamén aborda Michel Foucault na súa obra "Vixiar e Castigar" e que foi empregada polo alumnado no argumentario dos debates. A mesma idea que se aborda na ficción de 1984, na que Orwell imaxina unha suposta sociedade onde os invididuos perden absolutamente a intimidade e a liberdade, suxeitos ao control permanente dun vixiante omnipresente: O Gran Irmán.


Na exposición do cárcere atopamos datos dos ingresos, libros de memorias, testemuñas, obxectos e diverso material conservado, que nos axudou a reconstruir a vida no cárcere. Tamén puidemos ver “Vermellas, chamábanlles roxas”, unha exposición arredor da importante actividade desenvolvida por moitas mulleres durante a II República, e da represión sufrida durante os anos da guerra e do réxime derivado do golpe de estado do 36. Nos andares superiores, a exposición de arte contemporánea permiteunos reflexionar respecto ao noso pasado, moitas veces vivo aínda no presente, e imprescindible para poder comprender e afrontar a actualidade, o mundo que nos rodea.

Ademais, aproveitamos a viaxe a Lugo para ir ao cine. Fomos ver “Blade Runner 2049”, pois xa coñecíamos o film de 1982, un clásico da ciencia ficción do que tamén sacáramos ideas para os debates.