sábado, 28 de outubro de 2017

Visita ao vello cárcere de Lugo.

No 1887 Nemesio Cobreros constrúe en Lugo o segundo cárcere modelo do Estado e o primeiro pertencente á orde panóptica, continuadora do modelo ideado polo filósofo inglés Jeremy Bentham a finais do XVIII, que garantía a vixiancia do detido, velo sen que el vexa ao vixiante, o que asegura o funcionamento automático do poder. Outros exemplos coñecidos son os cárceres de Barcelona, Oviedo ou Badaxoz, onde se primaba a individualización do preso fronte aos anteriores sistemas de aglomeración. Pero co colpe de estado do 1936, este cárcere, pensado para 140 reclusos, chega a albergar 900 persoas. Dende este momento, ata finais de 1940 rexistráronse máis de cinco mil ingresos nesta prisión por motivos políticos.


Esta visita, realizada polas alumnas e alumnos participantes nos debates do Parlamento Xove, tiña como obxeto ver “in situ” a idea do panóptico de Bentham, que tamén aborda Michel Foucault na súa obra "Vixiar e Castigar" e que foi empregada polo alumnado no argumentario dos debates. A mesma idea que se aborda na ficción de 1984, na que Orwell imaxina unha suposta sociedade onde os invididuos perden absolutamente a intimidade e a liberdade, suxeitos ao control permanente dun vixiante omnipresente: O Gran Irmán.


Na exposición do cárcere atopamos datos dos ingresos, libros de memorias, testemuñas, obxectos e diverso material conservado, que nos axudou a reconstruir a vida no cárcere. Tamén puidemos ver “Vermellas, chamábanlles roxas”, unha exposición arredor da importante actividade desenvolvida por moitas mulleres durante a II República, e da represión sufrida durante os anos da guerra e do réxime derivado do golpe de estado do 36. Nos andares superiores, a exposición de arte contemporánea permiteunos reflexionar respecto ao noso pasado, moitas veces vivo aínda no presente, e imprescindible para poder comprender e afrontar a actualidade, o mundo que nos rodea.

Ademais, aproveitamos a viaxe a Lugo para ir ao cine. Fomos ver “Blade Runner 2049”, pois xa coñecíamos o film de 1982, un clásico da ciencia ficción do que tamén sacáramos ideas para os debates.








venres, 27 de outubro de 2017

OPERACIÓN MONARCA



OPERACIÓN MONARCA

"Un dos fenómenos mais abraiantes dos que nos ofrece a natureza galega, é unha visitante de alén do atlántico: a bolboreta Monarca, que voa miles de quilómetros coas súas fráxiles ás, cruza o mar e visítanos cada outono cun sixilo que non fai honra a semellante fazaña da Natureza."

No Basanta Silva agardamos impacientes a súa visita. Acontecerá alá polo mes de xaneiro deste novo ano que entra e, para facer máis doada tan longa espera, ideamos a nosa gran bolboreta monarca. Construirémola entre todos para recibir a exposición que nos chegará do CEIDA sobre esta marabilla da natureza. Xuntas e xuntos faremos moitas bolboretas de papel, que conformarán as ás desa grande bolboreta monarca, que xa todas e todos temos na imaxinación.

A continuación deixámosvos un video e unha imaxe onde se mostran os pasos a seguir:


Non é dificil! Moito Ánimo!

domingo, 22 de outubro de 2017

Chegou o outono á Biblioteca!

É tempo de outono na nosa Biblio. Sentímolo chegar no sabor das cabazas, das castañas, das avelás e nas follas secas que o vento trouxo ata a nosa biblioteca, con poemas e moitos contos de medo. 

Lemos e imaxinamos o ruxir das follas secas mentres paseamos entre os carballos na busca de cogumelos. Saboreamos o outono e, con todas as letras que veñen na sopa, fixemos poemas para limpar o bico.



Ven pola Biblio, un lugar acolledor onde atoparás libros con sabor doce a cabaza, poemas que saen da sopa e cheiran a avelás,  follas que falan de cousas que trae o vento e contos de medo que non dan tanto medo. Bótalle un ollo ás lecturas que che recomendamos, leva ou escribe un poema e vive con nós o outono.


Mentres, fóra chove para que soñemos. 



venres, 13 de outubro de 2017

Deixas un libro e levas outro, así de fácil!

Co troco de libros libéralos e permites que estes viaxen cara novas mans. 


Se levas á biblioteca un libro que non uses, poderás trocalo por un dos exemplares que se atopan no expositor de troco. Deberás coidar os libros para que estean en bo estado e comunicar o cambio á persoa encargada da biblioteca.

Os libros voan libres polo mundo e pode que xa non volvan nunca máis aos estantes da nosa biblioteca, ou si, quen sabe...

domingo, 1 de outubro de 2017

XA CHEGOU A VIGO O PERGAMIÑO VINDEL!

Dicía Álvaro Cunqueiro que se Vigo fose unha polis grega, diríase que foi fundada por un poeta, aquel Martín Codax que bailaba no sagrado de Vigo e vía a súa amiga bañarse nas ondas. 

O pergamiño Vindel, que conten as cantigas de Martín Codax, moitas delas coa notación musical incluída, chega a Vigo depois de 800 anos para expoñerse, ata marzo de 2018, no Museo do Mar. 


Foi en 1914 cando o libreiro Pedro Vindel descubreu este pergamiño, que estaba forrando un libro de Cicerón. Logo vendeullo por 6.000 pesetas ao musicólogo catalán Rafael Mitjana. Éste exercía de diplomático en Suecia para alá levou o pergamiño. Rafael Mitjana morre no 1921 e as cantigas de Martín Códax quedan a disposición, primeiro da viúva e despois dos herdeiros. Non se volve a saber del ata que a biblioteca Sandbergs Bokhandel o compra nunha subasta, formando parte dun lote de libros, no ano 1961, por unha cantidade rídícula, 78 coronas suecas . Sería tempo despois adquirido polo bibliófilo Otto Haas e finalmente posto á venda en Londres polo seu colega inglés Albi Rosenthal, que llo vendeu á Pierpoint Morgan Library de Nova York, onde se conserva desde 1977.