No 1887 Nemesio Cobreros constrúe en Lugo o segundo cárcere modelo do Estado e o primeiro pertencente á orde panóptica, continuadora do modelo ideado polo filósofo inglés Jeremy Bentham a finais do XVIII, que garantía a vixiancia do detido, velo sen que el vexa ao vixiante, o que asegura o funcionamento automático do poder. Outros exemplos coñecidos son os cárceres de Barcelona, Oviedo ou Badaxoz, onde se primaba a individualización do preso fronte aos anteriores sistemas de aglomeración. Pero co colpe de estado do 1936, este cárcere, pensado para 140 reclusos, chega a albergar 900 persoas. Dende este momento, ata finais de 1940 rexistráronse máis de cinco mil ingresos nesta prisión por motivos políticos.
Esta visita, realizada polas alumnas e alumnos participantes nos debates do Parlamento Xove, tiña como obxeto ver “in situ” a idea do panóptico de Bentham, que tamén aborda Michel Foucault na súa obra "Vixiar e Castigar" e que foi empregada polo alumnado no argumentario dos debates. A mesma idea que se aborda na ficción de 1984, na que Orwell imaxina unha suposta sociedade onde os invididuos perden absolutamente a intimidade e a liberdade, suxeitos ao control permanente dun vixiante omnipresente: O Gran Irmán.
Na exposición do cárcere atopamos datos dos ingresos, libros de memorias, testemuñas, obxectos e diverso material conservado, que nos axudou a reconstruir a vida no cárcere. Tamén puidemos ver “Vermellas, chamábanlles roxas”, unha exposición arredor da importante actividade desenvolvida por moitas mulleres durante a II República, e da represión sufrida durante os anos da guerra e do réxime derivado do golpe de estado do 36. Nos andares superiores, a exposición de arte contemporánea permiteunos reflexionar respecto ao noso pasado, moitas veces vivo aínda no presente, e imprescindible para poder comprender e afrontar a actualidade, o mundo que nos rodea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario