domingo, 31 de xaneiro de 2016

"HA VUELTO" de Trimur Vernes

Atendendo á petición feita por unha voluntaria da biblioteca incorporamos ao noso catálogo dixital esta novela humorística protagonizada e narrada en primeira persoa por Hitler.


Sinopse:
É a primavera de 2011. Adolf Hitler esperta nun escampado no centro de Berlín. Non hai símbolos nazis, reina a paz, as rúas están invadidas por estranxeiros, e Alemaña está gobernada por unha muller rechoncha que fai o que quere en Europa. Sesenta e seis anos despois da súa caída, o resucitado Hitler triunfa na televisión como perfecto imitador do Führer, un cómico xenial. Pero el non chancea en absoluto. A fama é a plataforma perfecta para retomar a súa carreira política. Que mal podería facer hoxe Hitler? Esta disparatada historia está contada por el mesmo, un home que analiza tenazmente a súa contorna, que descobre de modo fulminante os puntos débiles dos demais, que, cunha terquedad sen límites, se guía pola súa estraña lóxica, con fanatismo pero tamén con lucidez.

Podedes empezar a ler as primeiras páxinas AQUÍ.

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA DO MES DE FEBREIRO


xoves, 28 de xaneiro de 2016

POESÍA POLA PAZ

Mañá as 11:15 haberá un recitado de poemas en diferentes idiomas (árabe, asturiano, castelán, chinés, francés, galego, portugués e inglés) por parte de alumnado de diferentes cursos da ESO.  
Tamén poderedes escoitar o último movemento da Novena sinfonía de Beethoven e a melodía tradicional británica Scarborough Fair. Ambas serán interpretadas por alumnado do 2º curso da ESO.

Se queredes obter información sobre cada autor só tedes que premer sobre o seu nome debaixo de cada poema. 

martes, 26 de xaneiro de 2016

CATRO SÍMBOLOS DA PAZ

A pomba 

En 1949, despois da Segunda Guerra Mundial, celebrouse en París o Congreso pola Paz e o Partido Comunista Francés pediulle a Pablo Picaso que deseñase un debuxo que simbolizase o Movemento da Paz. 
A pomba branca levando un ramo de oliveira no seu pico ten o seu antecedente no Diluvio Universal do Antigo Testamento.


O CDN
Este símbolo antibelicista, foi creado en 1958 por Gerald Holtom para a Campaña polo Desarmamento Nuclear (CDN), unha organización británica xurdida para protestar contra a fábrica de armamento nuclear de Aldermaston, a un centenar de quilómetros de Londres. 
Nos anos 60 e 70 utilizouse nas loitas polos dereitos civís, contra o racismo e contra a guerra de Vietnam nos Estados Unidos, contra a invasión soviética de Praga e nas protestas de maio do 68 en París. Tamén foi usado polo movemento hippy e o punk.

A bandeira da paz
É un símbolo creado por Nicholas Roerich, fundador dun movemento de protección cultural. O seu autor describiu o círculo como representación da eternidade (presente, pasado e futuro) e os tres puntos como as actividades culturais máis universais (a arte, a ciencia e a relixión).
Foi aceptada por unanimidade por todos os países de América en 1935, cando se asinou o Pacto Roerich o PaxCultura, co obxecto de preservar o acervo cultural da humanidade. 

O signo da “V” feito cos dedos
Comezouse a usar en Europa durante a Segunda Guerra Mundial, cando se pintaba nas paredes de Bélxica, os Países Baixos e o norte de Francia unha “V” de vitoria como símbolo de liberación fronte ás forzas de ocupación.
Os movementos pacifistas de todo o mundo usárono nos anos 60 e 70 como símbolo da vitoria da paz e a verdade e do desexo de acabar coa guerra.

domingo, 24 de xaneiro de 2016

PELÍCULAS POLA PAZ

Se queredes ver algunha película sobre o tema aquí tedes dúas boas opcións para ver en liña.

La vida es bella (Roberto Benigni)
En 1939, a piques de estalar a Segunda Guerra Mundial, o extravagante Guido chega a Arezzo (Italia) coa intención de abrir unha librería. Alí coñece a Doura e, a pesar de que é a prometida do fascista Ferruccio, casa con ela e ten un fillo. Ao estalar a guerra, os tres son internados nun campo de exterminio, onde Guido fará o imposible para facer crer ao seu fillo que a terrible situación que están a padecer é tan só un xogo.





La estrategia del caracol (Sergio Cabrera)
Os veciños dun dos barrios máis pobres da cidade colombiana de Bogotá loitan para evitar o derrubamento da casa onde viven, propiedade dun millonario sen escrúpulos. Defendendo o edificio contra xuíces e policías, planean unha orixinal estratexia ideada e dirixida por Don Jacinto, un vello anarquista español. A loita contra os especuladores e os corruptos está perdida antes de empezar, pero os veciños están dispostos a facer o que sexa para defender a súa dignidade.





sábado, 23 de xaneiro de 2016

CURTAMETRAXES SOBRE A PAZ E A NON-VIOLENCIA

La cortadora de margaritas (Enrique García e Rubén Salazar)
Zaira, unha nena de apenas 10 anos, vive a inxustiza dunha guerra, coa perspectiva que lle permite a súa tenra e inxenua mirada. Ela recolle todos os días margaridas para un amigo ao que bota de menos; para non esquecerlle, para non perderlle...




El circo de las mariposas (Joshua Weigel)
Verástegui representa ao señor Méndez, quen, durante a Gran Depresión, percorre co seu circo as paraxes abatidas de Estados Unidos. Will, un mozo sen brazos e só o amago dunha perna, exposto nunha feira como un erro da natureza, escapa e únese á troupé de Méndez, onde descobre outra forma de facer espectáculo e plantea o seu porvir á luz dos seus novos compañeiros.



La guerra (Luis Berdejo e Jorge C. Dorado)
Durante a Segunda Guerra Mundial un neno, coa súa irmá recentemente nada en brazos, escapa dos soldados que o perseguen. Logra refuxiarse nun armario dunha casa abandonada, pero os seus perseguidores están preto.




Los Nadies (Carlos Salgado)
O grupo de deseñadores e artistas visuais de Freelance For escolleu o poema Los Nadies do escritor uruguaio Eduardo Galeano para unha campaña da ONG África Directo. Neste vídeo de animación, realizado gratuitamente pola Axencia de Publicidade Sra Rushmore, o escritor puxo voz ao seu poema, incluído no Libro de los abrazos.

venres, 22 de xaneiro de 2016

“SADAKO Y LA MIL GRULLAS DE PAPEL”

Esta curtametraxe está baseada nunha historia real. Cando Sadako Sasaki tiña dous anos, unha bomba atómica caeu sobre a súa cidade, Hiroshima en Xapón. Despois de dez anos, os médicos descubriron que tiña leucemia, un tipo de cancro causado pola bomba atómica. Durante a súa estancia no hospital, a súa amiga Chizuko cóntalle unha lenda:  aquela persoa que faga mil grullas de papel, recibirá un desexo de parte cada unha das grullas. Así que Sadako propúxose facelas pero só logrou completar 644.



Tras a súa morte, os seus compañeiros de colexio publicaron un libro coas súas cartas. Sadako converteuse nunha heroína para os nenos e nenas do seu país, que recadaron fondos para erixir un monumento a Sadako e a todos os nenos mortos a consecuencia da bomba atómica. En 1956 inaugurouse unha estatua no parque da Paz de Hiroshima. Na base está gravada a seguinte mensaxe:

Este é o noso berro,
é a nosa pregaria:
que haxa paz no mundo.


Sadako e as mil grullas son agora un símbolo de paz para todo o mundo.

BANSKY

É o pseudónimo co que se coñece ao artista actual máis representativo do Street Art (arte urbana), que engloba todo tipo de expresión artística realizada na rúa de forma ilegal. 

Non se teñen datos biográficos sobre el. No ano 2008, o xornal Mail on Sunday anunciou que descubrira a súa identidade, identificándoo como Robin Gunningham, feito que el sempre negou.

No seu libro Wall and Street dinos que empezou pintado directamente sobre as paredes utilizando sprays. Ao ser isto moi arriscado, empezou a usar plantillas propias de cartón. 

As súas obras levan implícitas críticas sobre temas contemporáneos (o consumismo, o terrorismo, a autoridade política, a arte, etc.), e como el mesmo di: “Unha parede é unha arma moi grande. É unha das cousas máis desagradables coas que podes golpear a alguén.”


    



       

 
       

     



  


mércores, 20 de xaneiro de 2016

PHAN THị KIM PHÚC (KIM PUCH)

Durante a guerra de Vietnam, en 1972, unha bomba de napalm queimou as costas desta nena de nove anos, que se quitou a roupa para aliviar a súa dor e correu espida por unha estrada. A fotografía desa escena tomada polo fotógrafo Nick Ut deu a volta ao mundo e foi galardoada co Premio Pullitzer. 

Co paso do tempo Kim deixou de sentir vergoña ao ver a fotografía e descubriu que “se non podía escapar desta imaxe, quería utilizala para a paz. E esa é a miña elección.”

En 1996, foi convidada á cerimonia conmemorativa da Guerra de Vietman (Día dos Veteranos) en Washington. Mentres pronunciaba un discurso dixo que atopara a felicidade e a liberdade despois de moitos anos de dor e sufrimento, perdoando publicamente á persoa que lanzara a bomba de naplam no seu pobo.
Kim foi nomeada Embaixadora de Boa Vontade da Unesco en 1994. Desde entón, dedica a súa vida a fomentar a paz. Con ese obxectivo fundou The Kim Foundation International, que axuda aos nenos vítimas da guerra.




martes, 19 de xaneiro de 2016

luns, 18 de xaneiro de 2016

CANCIÓNS POLA PAZ




Podedes escoitar e ler estas cancións premendo sobre o título das mesmas. As que están en inglés teñen á súa beira a tradución.


DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E A PAZ (Suxestións)

domingo, 17 de xaneiro de 2016

GANDHI

Mohandas Karamchand Gandhi, coñecido como Mahatma Gandhi foi un avogado, político e pensador coñecido principalmente por reivindicar e conducir a independencia da India a través de métodos non violentos.

Naceu en Porbandar, India, en 1869, e tras graduarse en dereito en Inglaterra, instalouse en África do sur e loitou alí contra a discriminación de que eran obxecto os indios. Ao volver á India organizou a resistencia non violenta (a súa filosofía, de base relixiosa, tiña por principio fundamental a non-violencia) contra o colonialismo e a non cooperación coa administración inglesa. Tratou de frear os choques entre hindús e musulmáns que se produciron tras a independencia en agosto de 1947 (os colonialistas británicos impuxeron como condición para retirar as súas tropas, a división da India en dous estados, India e Paquistán, un hindú e outro musulmán). Encarcerado en numerosas ocasións, era en 1937 o líder dun movemento independentista capaz de mobilizar ou deter a millóns de indios. Mahatma Gandhia foi asasinado a tiros por un fanático hinduista o día 30 de xaneiro de 1948.


DATAS PRINCIPAIS DA SÚA BIOGRAFÍA
1869
Nace en Porbandar, India.
1882
Contrae matrimonio con Kastubai Nakanj.
1888
Primeira viaxe a Inglaterra.
1891
Obtén o título de avogado e regresa á India.
1893
Trasládase a Sudáfrica, onde traballa a favor dos indios residentes nese país.
1915
Na India de novo, únese ao movemento nacional indio.
1919
Masacre de Amritsar.
1922
Primeira campaña de desobediencia civil. É condenado a prisión.
1930
Marcha do sal.
1931
Viaxe a Londres para participar na Conferencia da Mesa Redonda.
1933
Campaña a favor dos intocables.
1940
Boicot á intervención india na guerra.
1947
Independencia da India. Separación de Paquistán.
1948
Morre asasinado por un fanático hindú en Nova Deli.

DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E A PAZ

Logo do DENIP por Eulogio Díaz del Corral
Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non-violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. Xurdiu dunha iniciativa pioneira, non gobernamental, independente, e voluntaria de Educación Non-violenta e Pacificadora do profesor español Llorenç Vidal.
O seu obxectivo é a educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. A mensaxe básica e permanente é: 


Amor universal, Non-violencia e Paz.
O Amor universal é mellor que o egoísmo,
a Non-violencia é mellor que a violencia


e a Paz é mellor que a guerra.




BOOKTUBERS


Son lectores novos, de 15 a 25 anos, que comparten todas as súas actividades relacionadas cos libros (suxestións, valoracións, críticas, costumes, teimas, xogos, ... ) en vídeos de 10 minutos a través de canles de Youtube.




Botáde unha ollada a Biblioteca do IES Santiago Basanta Silva en Youtube! Xa estamos subscritos a algunhas das súas canles.


EXPOSICIÓN: DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ


martes, 12 de xaneiro de 2016

ALGÚNS CEMITERIOS DA TERRA CHÁ

“Na Terra Cha (Lugo) atópanse, na maioría das parroquias, cemiterios cun estilo propio, con panteóns rematados en fermosos e lanzais pináculos labrados con grande habilidade na pedra de gran. Neste traballo facemos un percorrido por algúns dos cemiterios máis interesantes.” (Adela Leiro e Mon Daporta)



Coñecedes moitos deles, non si? Cales botades en falta?

PREMIO EUROPEO CARLOMAGNO DE LA XUVENTUD 2016

Está aberta a convocatoria do Premio Europeo Carlomagno da Xuventude para o próximo ano 2016. Este premio, que está xa na súa novena edición, concédese á mozos que teñan desenvolvido proxectos que fomentan o entendemento entre os cidadáns dos distintos países europeos. O prazo de presentación é o 25 de xaneiro de 2016.

O Premio Europeo Carlomagno da Xuventude organízano conxuntamente o Parlamento Europeo e a Fundación Premio Internacional Carlomagno de Aquisgrán e concédese anualmente a proxectos realizados por mozos de entre 16 e 30 anos.



XI EDICIÓN DO CONCURSO ”ODISEA”

Desde o ano 2006 a sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC) organiza un concurso “on line” de cultura clásica que cada ano versa sobre un tema e onde aparecen preguntas relacionadas cos currículos de Cultura Clásica, Latín e Grego que se imparten en Secundaria. O concurso ten dúas fases: a primeira autonómica e a segunda estatal onde compiten os vencedores de cada autonomía ou sección.

A inscrición será desde o 1 de decembro ata o 26 de xaneiro de 2016. O concurso terá lugar entre os días luns 1, martes 2, mércores 3 e xoves 4 de febreiro (primeira fase), e os días mércores 17 de febreiro e mércores 2 de marzo de 2016 (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla nas bases e calendario do concurso.

Nesta edición participarán as seccións da SEEC de Cádiz, Córdoba, Granada, Málaga e Sevilla, Aragón, Canarias, Galicia, Extremadura, La Rioja, Valencia-Castellón e de Alacant, Valladolid, e a Associació de Professorat de Llengües Clàssiques de Catalunya (APLEC).


POESÍAS E MÚSICA POLA PAZ


MURAL SOBRE OS DEREITOS HUMANOs

Velaquí o resultado do traballo sobre os artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos realizado polo alumnado na hora de titoría de cada grupo.



venres, 8 de xaneiro de 2016

MANDALAS



Mais que é un mandala?
Esta palabra  procede do sánscrito e significa “centro, círculo, anel máxico.” Segundo a definición da RAE, é un “dibujo complejo, generalmente circular, que representa las fuerzas que regulan el universo y que sirve como apoyo de la meditación.” 

Xeralmente, un mandala é unha imaxe simbólica baseada en figuras xeométricas como o círculo e o cadrado, utilizada no hinduismo e budismo e relacionada co espiritual. Pode variar en cor e deseño pero consta sempre dun centro e os catro puntos cardinales.



mércores, 6 de xaneiro de 2016

martes, 5 de xaneiro de 2016

AS 100 PALABRAS EN GALEGO PARA DESIGNAR A CHOIVA


Existe a crenza de que os esquimós inuit teñen centos de palabras distintas para designar a neve. Pero é falso. A falacia foi propalada polo antropólogo estadounidense Franz Boas en 1911. En realidade, as linguas inuit son polisintéticas, co que crean longas palabras que funcionan como frases completas. E por iso só teñen dúas raíces léxicas ou ‘palabras’ para a neve: ‘ganik’, para os copos no aire; e ‘aput’, para a que se acumula no chan. Que logo, cando se escoitan, parezan longas palabras só responde a que lle suman afijos que en galego serían adxectivos ou preposicións como ‘branca neve’, ‘neve a derreter’ ou ‘neve en po’.

Así que non é certa a lenda dos esquimós e a palabra neve. Pero si é verdade que os galegos teñen máis de cen palabras para designar a choiva, das que 61 a denominan directamente. As razóns resultan bastante obvias.

Hai xa algúns anos, a catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago Elvira Fidalgo identificou as palabras para a choiva en Galicia, tras enquisas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora. “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito”, reflectiu no seu estudo Elvira Fidalgo.

Para denominar a choiva de pouca intensidade, o orballo, en Galicia poden utilizarse os termos orballo, orballeira, orballada; chuvisco, chuviscada, chuviña, relacionadas co latín ‘pluvia’. Pero tamén babuxa, babuxada, barruxeira, barruxada, barruceira, que estarían relacionadas co termo grego “Boreas”, vento do norte, e que traería a auga; outras como poalla, poalleira, poallada están creadas sobre o latín “pulvis”, que evolucionou en latín vulgar ata dar “po” en galego, e que está na base desas palabras ao comparar a choiva de pingas moi finas coas partículas de po en suspensión.

Para a denominación de choiva forte, ademais dos mencionados, o galego emprega sobre todo os derivados do latín “turbo”, que indicaba calquera tipo de obxecto impulsado cun movemento circular. E será esta idea a que se asocie á choiva para crear palabras como trebón, torbón, treboada, torboada. Termos como borrascada foron creados sobre o mesmo “boreas”, ao que se lle engadiu un sufixo intensificador.

E en contra do que moitos pensan, unha ‘chuvieira’ non é unha choiva feble, senón que se aplica cando chove con forza, aínda que por pouco tempo.

Ás palabras propias para a choiva en galego, hai que engadir as expresións formadas con máis un elemento que indica gran cantidade, por exemplo “chover a caldeiros”, “chover a ballón”, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón”, “a choupón”.

Aquí tes 61 palabras para dicir choiva en galego

Para resumir aquí están 61 palabras galegas distintas para denominar a choiva. E outras dezaseis máis relacionadas co mesmo concepto:

Para chuvia feble: Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…

Para chuvia forte: Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…

Cando hai raios e tronos: Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…

Se vén con neve e xeo: Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…

Cando remata de chover: Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…

E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…

(Vía: O Portal da Ciencia Galega) 

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA (2016)

Este é o calendario que nos achega a Asesoría de bibliotecas escolares:


domingo, 3 de xaneiro de 2016

"REFUXIADO", PALABRA DO ANO 2015

O Portal das Palabras, unha iniciativa Real Academia Galega e a Fundación Barrié, elixe a finais do mes de decembro a Palabra do Ano. 
Na primeira quincena do mes de recóllense todas as propostas achegadas, faise una selección das máis populares que teñan maior carga semántica e, para rematar, ábrese unha votación pública para a escolla final.

No ano 2015 participaron 364 persoas e recolléronse 174 termos distintos. Entre os máis populares e que máis se adaptaban as bases, seleccionáronse seis: refuxiado, indignación, feminicidio, plebiscitario, xihadismo e rechouchío. O resultado coñeceuse o día 30 de decembro, sendo refuxiado a vocábulo máis representativo.

A Fundación del Español Urgente, promovida pola Axencia EFE e BBVA e asesorada pola Real Academia Española, coincidiu co Portal das Palabras en nomear refugiado como palabra do ano en español. Na lista das doce palabras finalistas figuraban tamén; chikunguña, sextuplete, inequidad, poliamor, disruptivo, me gusta (de Facebook), trolear, zasca, clictivismo, gastroneta e despatarre




A EPIFANÍA

Celébrase o día 6 de xaneiro de cada ano. Os Reis Magos chegan de Oriente para adorar ao neno Xesús, ao que lle ofrecen ouro, incenso e mirra.



As seguintes tradicións galegas relativas a esta data subsisten nalgunhas zonas e estanse a recuperar noutras:

Os cantos de Reis.
Grupos de persoas percorren as casas das aldeas e vilas na noite do 5 de xaneiro e no día seguinte cantando coplas (cantos de Reis, cantares de Reis ou Reises), que teñen tres partes: a petición de permiso para cantalas, a propia cantiga e o “aguinaldo”. Este último dependía do donativo que se lles entregaba.



As danzas de Reis.
Tamén chamadas ranchos de Reis, son danzas de cintas, paus ou arcos acompañadas de pezas pequenas de teatro ou recitados que se realizan á saída da igrexa.