mércores, 12 de outubro de 2016

CONCURSO DE CONTOS DA FUNDACIÓN MAPFRE

“Educa tu mundo” ten por obxecto fomentar a creatividade dos rapaces a través da redacción dun conto. Os participantes plasmarán un mundo mellor a través de contos que versen sobre a prevención de accidentes e a seguridade viaria, a acción social, a arte como forma de coñecemento, a cultura aseguradora e os estilos de vida saudables.

Destinatarios: alumnado de primaria ou secundaria.
Prazo de presentación: ata o 15 de novembro de 2016.

venres, 30 de setembro de 2016

DÍA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN

Como cada ano desde fai xa medio século, en coincidencia coa festa de San Xerome, considerado por moitos o primeiro tradutor e patrón dos tradutores, o 30 de setembro celébrase o Día Internacional da Tradución. Trátase dunha iniciativa promovida pola Federación Internacional de Traductores (FIT) , coa que se pretende render anualmente unha homenaxe a todos os homes e mulleres que se dedican a esta profesión crave para o mundo do libro.


Baixo o lema Connecting Worlds, nesta edición farase fincapé no rol de tradutores e intérpretes como facilitadores da comunicación entre as persoas, conectando mundos e fomentando a comprensión. (Vía: Observatorio de la Lectura y el Libro)


mércores, 28 de setembro de 2016

mércores, 14 de setembro de 2016

COMEZAMOS UN CURSO NOVO

"Biblioteca escolar - Territorio das Artes" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezo do curso 2016/2017 con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. Nesta ocasión foi MINIA REGOS a creadora convidada a interpretar o lema anual.


A imaxe creada por Minia Regos garda moitas sorpresas para as lectoras e os lectores; propón un xogo de exploración e aventura por este "territorio" complexo e engaiolante que é toda biblioteca escolar.  


Nos últimos anos, as bibliotecas escolares demostraron que é posible integrar as ciencias e as humanidades nas actividades de lectura e de acceso e construción do coñecemento. Os materiais de divulgación científica, os xogos matemáticos, a xeografía ou as aventuras da exploración física ou simbólica foron temática de traballo e son xa parte esencial das programacións e dos proxectos coordinados desde as bibliotecas. Cómpre agora facer visible esa parte do coñecemento humano que conecta directamente coa creatividade: as Artes todas teñen cabida na biblioteca escolar e así o demostran as múltiples actividades programadas anualmente con está temática. 


Biblioteca escolar, territorio das Artes convida a explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo a experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos). ( Vía: Bibliotecas escolares de Galicia)