xoves, 14 de abril de 2016

II CONCURSO DE VIDEOPOEMAS

O curso pasado decatámonos de que a elaboración e montaxe dos videopoemas pode resultar un proceso complexo para algúns, por iso para esta convocatoria algúns compañeiros e compañeiras vosas van intentar darvos unhas pautas para traballar con algúns programas de edición de vídeos (por exemplo, os que utilizastes moitos de vós: Flipagram, Photopeach, Movie Maker, …). 

- Farano nas horas de lecer da semana do 11-15 de abril na aula de Informática D102. 

- Ademais, no lecer do mediodía dos luns podedes traballar nos ordenadores da Biblioteca, onde haberá profesorado que vos bote unha man coa montaxe.



Xa sabedes, primeiro seleccionades un poema de Manuel María - na Biblioteca do centro está a súa obra completa, pero tamén podedes buscar na rede-, logo reflexionades sobre o contido “emotivo” do poema, sobre eses sentimentos agochados detrás das palabras concretas. E despois lanzádesvos, pero lembrade que as imaxes non teñen por que reflectir o que o poema di literalmente, senón as sensacións que nos provoca.



ÁNIMO! Todos e todas podemos facelo e, como di Fran Alonso:
A poesía non morde, non é aburrida, cursi nin difícil. A poesía serve para cantar, para berrar, para recitar, para rapear, para vivir, para musicar, para rebelarse contra o mundo, para namorar…

Así que, xa sabedes, POETIZÁDEVOS!!!

Deixámosvos aquí o enlace aos poemas gañadores da convocatoria do curso pasado.

Tamén puxeramos outras mostras moi chulas - xa non do instituto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario