domingo, 24 de abril de 2016

LEDICIA COSTAS, PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2016

A escritora viguesa Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, vén de acadar o galardón co que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo no curso precedente. Así se recolle na resolución publicada o día 23 de abril pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coincidindo co Día Mundial do Libro.


Este é o segundo ano que se concede este premio, creado para recoñecer o labor das autoras e autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos participantes nos clubs de lectura. Na primeira edición, a de 2015, o galardón foi para o escritor chairego Agustín Fernández Paz.


A entrega do premio farase no transcurso da IX Xornada dos clubs de lectura que se celebrará en Santiago de Compostela o 10 de xuño, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura existentes este curso.
(Vía: CCEOU)

Ningún comentario:

Publicar un comentario