Ao comentar os textos literarios do S.XIX, comprobamos que había un elemento común á maioría dos que tiñan un certo contido social: a denuncia da emigración, das súas causas e consecuencias...”Outra vez a emigración?”
Isto leva a facérmonos unha serie de preguntas: tan grande fora a incidencia deste fenómeno naquel século?; e no século XX?; cal era o perfil das e dos emigrantes?; en cantas das nosas familias había alguén que emigrara, onde e cando o fixera? E pouco a pouco comezamos a tirar do fío das nosas historias familiares.
Fomos recadando información, así como documentos, cartas e fotografías dos nosos familiares e o que empezou como untraballo de literatura pasou a ser isto, un espazo común que nos axuda a reconstruir e conservar a nosa memoria familiar e, por extensión, a memoria colectiva de todos os galegos e galegas espallados na diáspora, tan solidarios e comprometidos por outra parte coa súa terra de orixe, non só no plano familiar senón tamén coa veciñanza.
Chegados a este punto, e unha vez sabemos o que fomos –emigrantes-, quizais debéramos reflexionar sobre o recibimento que tiveron os nosos e o que agora damos aos que chegan-inmigrantes.
Agardamos que vos guste e tamén vos faga facervos preguntas.
Hoxe, na presentación, pero tamén ao longo da elaboración de todo este traballo, tivemos a sorte de poder contar coa inestimable axuda de Nerea, alumna de 4º da ESO que, con enorme ilusión, interese e sensibilidade, comparteu con nós historias, momentos e sensacións, moitas delas tristes, pero cheas dese realismo máxico que ela transmite.
A exposición atópase no corredor que conduce á biblioteca. Aquí deixamos unha mostra fotográfica deste interesantísimo traballo, se aínda non a vistes, ide vela!
Ningún comentario:
Publicar un comentario