O respecto polo medio natural, a defensa da lingua e a ollada ao mundo coas lentes da xustiza social e do feminismo son constantes na vida e na obra de Marilar Aleixandre. E tamén son parte fundamental do ensaio co que ingresou hoxe oficialmente na Real Academia Galega, títulado Voces termando da paisaxe galega. A escritora, bióloga e catedrática de Didáctica de Ciencias Experimentais conciliou neste texto as ciencias e as letras para advertir que tanto a nosa paisaxe física como a inmaterial están ameazadas. Mais deixou espazo para a esperanza: é posible invertir a realidade e "termar da paisaxe", en toda a amplitude polisémica dos dous termos.
Fina Casalderrey foi a encargada de darlle a resposta en nome da RAG á nova académica numeraria nunha cerimonia solemne que tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina e investiga como profesora da Facultade de Ciencias da Educación. Ademais de congregar a representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, o acto, conducido polo presidente Xesús Alonso Montero, foi seguido por moitas outras persoas que quixeron participar nesta sesión pública da RAG.
Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey no acto
|
- Discurso de ingreso na RAG de Marilar Aleixandre e a resposta de Fina Casalderrey
- Marilar Aleixandre presenta o poemario Desescribindo (Sermos Galiza)
- ”Booktrailer” de Desescribindo, de Marilar Aleixandre
- Páxina oficial de Marilar Aleixandre
- Libros de Marilar Aleixandre na nosa biblioteca
Ningún comentario:
Publicar un comentario