sábado, 28 de xaneiro de 2017

O DÍA DAS ARTES GALEGAS CELEBRARASE EN VIVEIRO

Viveiro é a vila eleita pola Real Academia de Belas Artes para realizar a homenaxe, o 1 de abril, á pintora Maruxa Mallo, a autora á que este 2017 se dedica o Día das Artes Galegas.

A escolla non é por acaso. Foi En Viveiro onde Marulla Mallo naceu, en 1902, co nome de Ana María Gómez González e no seo dunha familia acomodada. Xa moza trasladouse a Madrid, onde mantivo relación con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano e Rafael Alberti. Durante a década de 1920 traballou para numerosas publicacións literarias e realizou portadas de varios libros, así como exposicións.

Grazas a unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos viaxou a París en 1932, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu Max Ernst, René Magritte, Joan Miró Giorgio de Chirico e outros), e participou en parladoiros con André Breton e Paul Éluard. A súa pintura cambiou radicalmente, influenciada polo surrealismo.

O golpe de estado de 1936 sorpendeuna en Galiza e tivo que refurxiarse na casa dun familiar, onde estivo agochada varios meses. O seu compromiso coa II República facíalle temer que podía ser albo da represión que inzaba Galiza. En 1937 conseguiu pasar a Portugal e de alí viaxar a América. Pasou o exilio en Arxentina e Estados Unidos. Finou en Madrid en 1995. María Zambrano dixo dela: "Cometeu un dos erros máis destrutivos e imperdonábeis: ser libre." (Vía: Sermos Galiza)

Ningún comentario:

Publicar un comentario